A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Política Internacional>
  5. A Vía Campesina denuncia o dominio das corporacións financeiras na Exposición Universal de Milán

A Vía Campesina denuncia o dominio das corporacións financeiras na Exposición Universal de Milán

29 de Maio do 2015

American Food 2.0

A Vía Campesina, movemento mundial que representa millóns de labregos e labregas, traballadores e traballadoras agrícolas e pobos indíxenas e nómades, denuncia o dominio corporativo e a complicidade dos gobernos na Exposición Mundial de Milán, cuxo lema reza: “Alimentar o planeta, enerxía para a vida”.

A Expo de Milán serve de escaparate a empresas multinacioinais que controlan o comercio mundial alimentario, de material xenético de sementes e animais, pesticidas e fertilizantes químicos. Estas empresas traballan de xeito continuo para privatizar e mercantilizar bens comúns como a auga, a terra, os bosques, os minerais ou as sementes, transformando a alimentación nun negocio e rexeitando que a alimentación constitúa un dereito humano. Estas empresas tratan a comida como unha mercadoría, producida a grande escala cunha grande cantidade de pesticidas e transxénicos para aquelas persoas con poucos recursos, mentres que a comida sa tan só fica ao alcance das elites.

Unha empresa con grande visibilidade na Expo é, por exemplo, Coca Cola que, ademais de producir produtos sen ningún valor nutritivo, está implicada, entre outros casos, na morte de sindicalistas colombianos que loitaban por preservar os seus recursos hídricos e dereitos laborais. Pola súa banda, McDonald's, coñecida entre outros polo seu pésimo historial en materia de dereitos laborais e comida lixo, tamén conta cunha grande presenza na Expo. Neste senso, a Expo de Milán responde aos intereses destas empresas ao promover o seu modelo agroindustrial, capitalista e elitista.

O meirande dos goberno participantes gastaron miles de euros de cartos públicos en construír stands onde vender os seus produtos tecnolóxicos. Nestes espazos promóvense falsas solucións á fame ou ao cambio climático, por exemplo, a través da agricultura climaticamente intelixente ou o mecanismo de REDD (Reducing Emissions from Deforestation and Forest Degradation), promovido a través de programas agrícolas como a nova alianza do G8 denominada AGRA (Alliance for a Green Revolution in Africa), e outros.

Outra contradición da Expo é a construción da feira sobre un terreo previamente agrícola e, polo tanto, necesario para a produción de comida sa e fresca para as poboacións urbanas.

O lema da Expo demostra unha cínica falta de comprensión do problema político que supón a fame no mundo.

A Expo de Milán marxina produtores e produtoras a pequena escala, que producen o 70% da comida no mundo, creando emprego e sen contaminar a natureza ou explotar a traballadores e traballadoras. A Vía Campesina loita contra esta visión que promove a Expo, e afirma que a soberanía alimentaria constitúe unha alternativa baseada nos dereitos dos pobos que asegura os seus espazos vitais e que, ao mesmo tempo, respecta o medio ambiente e ofrece alimentos sans a través de sistemas alimentarios adaptados a escala local. A Vía Campesina propón, deste xeito, unha saída ás múltiples crises que enfrontan as nosas sociedades, e avoga por un troco de paradigma para que sexan as propias persoas que mercan os alimentos e os producen quen tomen as decisións sobre que se consume; e que, como, onde e para quen se produce a comida, no canto de que este tipo de decisións sigan a ser tomadas polas entidades que comercializan.

A Vía Campesina participará na Expo dos Pobos en Milán para propor alternativas reais ao modelo inviable proposto na Expo oficial.

American Food 2.0