A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Política Internacional>
  5. Soberanía Alimentaria e Agroecoloxía: a receita da Expo dos Pobos para sandar un sistema alimentario enfermo

Soberanía Alimentaria e Agroecoloxía: a receita da Expo dos Pobos para sandar un sistema alimentario enfermo

10 de Xuño do 2015

Expo dei Popoli

Do 3 ao 5 de xuño, celebrouse en Milán Expo dei Popoli, a Expo dos Pobos, unha alternativa da sociedade civil a unha Exposición Universal dominada polas multinacionais do sistema alimentario, “un evento”, dixo Joshua de Salvo, portavoz do comité organizador, “que quería cubrir as importantes lagoas da Exposición Universal e, sobre todo, dar voz aos colectivos excluídos desta: os labregos e as labregas, e @s profesionais da pesca. Xuntos e xuntas, producen o 70% dos alimentos consumidos globalmente".

O evento foi organizado por 50 ONGs e asociacións da sociedade civil italiana, reunindo máis de 180 representantes de 14 redes e movementos labregos de máis de 50 países do mundo.
A Expo dos Pobos saldouse cun manifesto programático que resume en dez puntos as principais estratexias que están a levar á práctica as ONGs e os movementos labregos para poder alimentar o planeta dun xeito sostible, respectando os dereitos humanos, a biodiversidade e os límites da terra. Trátase de estratexias que requiren o máximo apoio e complicidade da cidadanía, así como respostas concretas dos gobernos de todo o mundo. Entre os puntos clave:

  • A denuncia do acaparamento de terras e da auga, un fenómeno que, agora mesmo, afecta máis de 40 millóns de hectáreas de terra fértil (o equivalente á superficie de Italia, Suíza e Austria xuntas) expropiada por empresas multinacionais e fondos de investimento a base de desafiuzamentos forzados e opresión dos pobos que son os seus donos lexítimos.
  • A prohibición de incentivos públicos para subvencionar a produción de agrocarburantes a partir de cultivos alimentarios.
  • A suspensión dos acordos comerciais que vaian en detrimento da seguridade alimentaria.
  • Rematar coa especulación financeira nos produtos agrícolas.

Finalmente, o documento destaca como as políticas públicas deben orientarse a protexer a biodiversidade, favorecer o intercambio e compravenda de sementes entre labregos e labregas, ou a promover unha nova cultura alimentaria entre a poboación baseada no consumo de produtos locais, de calidade e de tempada, prohibindo por lei a publicidade de alimentos ricos en graxas e azucre para a infancia.

Manifesto (inglés e italiano) AQUÍ

Expo dos Pobos