A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Política Internacional>
  5. O Sindicato Labrego Galego asina unha carta de solidariedade e apoio á comunidade zapatista de México

O Sindicato Labrego Galego asina unha carta de solidariedade e apoio á comunidade zapatista de México

15 de Xaneiro do 2019

Zapatistas

Nós, intelectuais, académic@s, artistas, activistas e persoas d eboa vontade, así como organizacións, asociacións e colectivos de varios países manifestamos a nosa solidariedade co Exército Zapatista de Liberación Nacional (EZLN) neste momento crucial da súa historia e rexeitamos tallantemente a actual campaña de desinformación, mentiras e calumnias dirixida en contra do zapatismo.

Para nós, do mesmo xeito que para moita xente no mundo, a loita zapatista representa un grande exemplo de resistencia, dignidade, congruencia e creatividade política. Hai 25 anos, o seu «Basta xa!» foi un acontecemento de grande transcendencia e unha das primeiras reaccións contundentes a nivel planetario fronte á globalización neoliberal, polo que contribuiu a impulsar o rexeitamento e a crítica dun modelo que, daquela, semellaba incuestionable. Foi tamén, e segue a ser, expresión da loita lexítima dos pobos orixinarios en contra da dominación e o desprezo sufridos durante séculos e até hoxe, así como en favor dos seus dereitos á autonomía. O autogoberno popular que os e as zapatistas puxeron en práctica coas Xuntas de Bo Goberno nos seus cinco caracois constitúen un exemplo de democracia verdadeira e radical, digno de inspirar aos pobos do mundo e de ser estudado en tódalas facultades de ciencias sociais do planeta. A construción da autonomía zapatista representa, para nós, a busca constante, honesta e crítica dun proxecto alternativo e emancipador de suma importancia á hora de enfrontar os desafíos dun mundo que semella afundirse cada vez máis nunha fonda crise, á vez económica, social, política e humana.

Por iso, expresamos a nosa preocupación pola situación que enfrontan as comunicades zapatistas e os pobos indíxenas de México, ao ser atacados os seus territorios e comunidades por proxectos mineiros, turísticos, agro-industriais, de infraestruturas, etc, tal e como o denunciou o Congreso Nacional Indíxena (CNI) e o Concello Indíxina de Goberno (CIG). Neste intre, preocúpannos especialmente os grandes proxectos impulsados polo novo goberno mexicano, como o Corredor Transístmico, o millón de hectáreas de árbores comerciais e o chamado «Tren Maia», recentemente denunciado como unha humillación e unha provocación polo subcomandante Moisés, voceiro do EZLN, xa que afecta gravemente os territorios dos pobos maias que habitan no sureste mexicano.

Ademais dos devastadores efectos ambientais deste proxecto e do desenvolvemento turístico masivo que pretende detonar, preocúpanos a premura en iniciar as obras do «Tren Maia», encubríndoas cun pseudo ritual á Nai Terra, denunciado polo voceiro zapatista como unha mofa inaceptábel. Indígnanos que, desta maneira, se prepare un ataque máis en contra dos territorios zapatistas e que se teñan ignorado os dereitos dos pobos orixinarios, evadindo a obrigatoriedade da consulta real, previa, libre e informada, tal e como establecen o Conventio 169 da OIT e a Declaración da ONU sobre os pobos orixinarios. Parécenos moi grave que así se violen os compromisos internacionais asumidos por México.

Compartimos o rexeitamento total expresado pol EZLN fronte a estes e outros grandes proxectos que afectan gravemente aos territorios autónomos e ás formas de vida dos pobos.

Denunciamos de antemán calquera agresión en contra das comunidades zapatistas, sexa directamente por parte do Estado mexicano ou a través de grupos e organizacións civís armadas e non armadas.

Responsabilizamos ao goberno mexicano de calquera confrontación que poida xurdir no marco da implementación destes megaproxectos, que corresponden a un modelo xa superado de desenvolvemento, insostible e devastador, decidido dende as cúpulas do poder e violando descaradamente os dereitos dos pobos orixinarios.

Chamamos á xente de bo corazón a superar a actual desinformación, tanto sobre a experiencia zapatista como sobre os grandes proxectos mencionados, e a estar atentos e atentas fronte ao risco de agresións en contra das comunidades zapatistas e os pobos orixinarios de México.

Asinado:

Sindicato Labrego Galego, organización agraria da Galiza pertencente a La Vía Campesina