A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Política Internacional>
  5. Declaración dos movementos sociais/ONG/OSC do Foro Paralelo ao cumio Mundial de Seguridade Alimentaria

Declaración dos movementos sociais/ONG/OSC do Foro Paralelo ao cumio Mundial de Seguridade Alimentaria

18 de Novembro do 2009

Foro Paralelo cumio mundial Seguridade Alimentaria

A Vía Campesina Internacional, da cal o SLG forma parte, vén de facer público o documento que compendia as esixencias e vindeiros pasos na loita mundial a prol da soberanía alimentaria dos pobos.

181109

Web do cumio paralelo "Soberanía Alimentaria dos Pobos Xa!" : http://peoplesforum2009.foodsovereignty.org/es/

 

Nós, 642 persoas de 93 países representando 450 organizacións de labregos e labregas, pequenos agricultores/as, pescadores/as a pequena escala, pastores/as, pobos indíxenas, novos e novas, mulleres, movementos urbanos, traballadores/as agrícolas, ONG´s locais e internacionais e outros actores sociais, atopámonos en Roma do 13 ao 17 de novembro do 2009, unidos pola nosa determinación de traballar por e esixir a soberanía alimentaria neste momento no que o número das persoas que sofren fame traspasou os mil millóns.

 

A Soberanía Alimentaria é a solución real á traxedia da fame no noso mundo.

 

A Soberanía Alimentaria implica transformar o sistema alimentario actual para asegurar que aqueles e aquelas que producen os alimentos teñan un acceso equitativo a, e o control sobre, a terra, a auga, as sementes, a pesca e a biodiversidade agrícola. Toda persoa ten o dereito e a responsabilidade de participar na decisión de como se producen e distribúen os alimentos.

 

Os gobernos deben respectar, protexer e garantir o dereito á alimentación, definido como o dereito a alimentos adecuados, dispoñibles, alcanzables, culturalmente aceptables e nutritivos.

 

Os gobernos teñen a obrigación de proporcionar axuda de emerxencia. Pero non deben socavar a soberanía alimentaria e os dereitos humanos. A axuda de emerxencia debe obterse o máis localmente posible e non debe ser utilizada para presionar aos países a aceptar os organismos xeneticamente modificados (OGM). Os alimentos non deben ser usados xamais como unha arma política.

 

Facemos fincapé na violación dos dereitos das persoas e comunidades, tanto urbanas como rurais, que viven en zonas de conflito armado ou ocupación e en situacións de emerxencia. A comunidade internacional ten que abordar, de maneira urxente, as violacións a dereitos humanos relacionadas cos desprazamentos forzados, a confiscación e explotación allea da propiedade, a terra e outros recursos produtivos, a manipulación demográfica e as transferencias de poboación.

 

Quen decide?

 

Declaramos o noso apoio ao renovado Comité de Seguridade Alimentaria Mundial (CSAM) e resaltamos o compromiso cara a este importante órgano que mostraron os Xefes de Estado presentes no Cume da FAO na súa Declaración.

 

Salientamos a importancia fundamental do renovado Comité de Seguridade Alimentaria Mundial, como o principal órgano inclusivo para a formulación de políticas internacionais da alimentación e a agricultura, dentro do sistema da ONU e como un órgano fundamental onde o coñecemento e as perspectivas daqueles e aquelas que, co seu traballo diario, alimentaron á humanidade por xeracións, non só son escoitado senón tamén aplicados.

 

Insistimos no papel central do Dereito Humano á Alimentación como principio para guiar todos os aspectos do traballo do Comité Mundial da Seguridade Alimentaria.

 

Expresamos preocupación porque o CSAM non está a recibir o apoio financeiro apropiado para a pretensión do seu programa de traballo. Urximos aos Estados membros da FAO para que o seu compromiso político sexa apoiado con recursos financeiros.

 

Manifestamos que aínda queda moito traballo por facer no CSAM para asegurar que haberá coherencia entre os diferentes órganos da arquitectura global institucional da alimentación e a agricultura. Neste sentido, estamos moi preocupados e preocupadas polo programa global sobre agricultura e seguridade alimentaria que foi proposto no seo do Banco Mundial pois o seu mecanismo de goberno parece ser non democrático nin transparente e condenado nesa medida a repetir os erros do pasado.

 

Mentres institucións como a Organización Mundial do Comercio sigan privilexiando intereses comerciais por encima das persoas marxinadas e malnutridas, a fame continuará lacerando o mundo.

 

A sociedade civil xogou un papel fundamental no proceso da reforma do CSAM, abrindo un espazo crítico, que temos a intención de ocupar plenamente e de forma responsable e efectiva. En facer isto, aseguraremos que as voces dos excluídos continúen sendo escoitadas no corazón da construción de políticas alimentarias e agrícolas e a gobernanza a todos os niveis.

 

Aínda que valoramos o traballo realizado, e temos grandes expectativas respecto dos futuros logros do CSAM, imos manter un seguimento atento do traballo para asegurar que os Estados membros cumpren cos seus compromisos para crear un mecanismo efectivo, con forte capacidade de coordinación a todos os niveis, capaz de facer render contas aos seus membros, e de realizar os seus compromisos para desenvolver un Marco Estratéxico Global para a seguridade alimentaria e a nutrición.

 

A subministración ecolóxica de alimentos

 

Reafirmamos que a nosa subministración de alimento ecolóxico actual alimenta a gran maioría das persoas do mundo, tanto nas zonas rurais como nas urbanas (máis do 75%).

 

As nosas prácticas céntranse en alimentar ás persoas e non no beneficio das corporacións. É unha subministración sa, diversa, local, que arrefría o planeta. Comprometémonos a fortalecer e promover o noso modelo ecolóxico de subministración de alimentos no marco da soberanía alimentaria para abastecer a todas as poboacións incluíndo aquelas en zonas marxinadas como as pequenas illas e as zonas costeiras.

 

As nosas prácticas, posto que priorizan alimentar localmente ás persoas, minimizan o desperdicio e as perdas de alimentos, e non crean os danos causados polos sistemas de produción industrial. A agricultura campesiña é resistente e pode adaptarse a e mitigar o cambio climático.

 

De todos os xeitos, insistimos en que a alimentación e a agricultura deben manterse fóra do mercado do carbono.

 

Imos defender e desenvolver a nosa biodiversidade agrícola, pesqueira e animal da agresiva mercantilización da natureza, os alimentos e o coñecemento, que foi facilitado polas «novas revolucións verdes».

 

Chamamos a unha moratoria global dos OGM. Os Estados teñen que protexer e regular adecuadamente os mercados nacionais de alimentos. As nosas prácticas requiren políticas de xestión da subministración co fin de asegurar a dispoñibilidade de alimento e garantir soldos dignos e prezos xustos. Estamos preparados para discutir novos marcos legais para apoiar as nosas prácticas.

 

Chamamos ao replantexamento da investigación, usando métodos participativos, que apoien o noso modelo ecolóxico de subministración de alimentos. Somos os innovadores e innovadoras que construímos o noso coñecemento e as nosas habilidades. Rehabilitamos as sementes locais e as variedades do gando, peixes e especies acuáticas para un clima en cambio.

 

Comprometémonos a promover os descubrimentos da Avaliación Internacional sobre o Coñecemento, a Ciencia e a Tecnoloxía Agrícola para o Desenvolvemento (IAASTD polas súas siglas en inglés).

 

Chamamos á rendición de contas por parte dos investigadores. Rexeitamos o control da investigación por parte das corporacións e non imos implicarnos en foros que sexan dominados por eles. Imos promover as nosas innovacións a través dos nosos medios e mediante programas de formación, educación e difusión da información. Imos fortalecer as nosas redes alimentarias rural-urbanas.

 

Imos construír alianzas dentro dun Complex Alimentarius -vinculando pequenos produtores, provedores, procesadores, científicos, institucións e consumidores- para substituír o enfoque reduccionista do Codex Alimentarius.

 

Comprometémonos a achicar as distancias entre os provedores/as de alimentos e os consumidores/as. Imos fortalecer os movementos urbanos pola alimentación e a promover a agricultura urbana e peri-urbana. Imos reclamar a linguaxe da alimentación pondo énfase na nutrición e a diversidade das dietas que exclúen a carne que provén de sistemas industriais.

 

Control sobre os recursos para producir alimentos

 

Hai que pór fin ao acaparamento da terra causado polo capital transnacional. O acaparamento da terra e o problema dos e das “sen terra” intensificáronse, tras a crise alimentaria global, a deforestación, e o secuestro dos órganos xestores da auga, tanto nas zonas continentais e nas costas.

 

Actos de confiscación de terras e augas e illamento feitos por forzas de ocupación deben cesar. Os países e as compañías están a colaborar en prácticas alarmantes de acaparamiento de terras.

 

En menos dun ano, máis de 40 millóns de hectáreas de terra fértil en África, Asia, América Latina e Europa do Leste, foron usurpadas mediante estes acordos, desprazando a produción local de alimentos por intereses de exportación.

 

No canto de promover os investimentos en industria agrícola a grande escala, urximos aos nosos gobernos e á FAO a implementar os cambios estruturais implícitos na declaración da Conferencia Internacional sobre Reforma Agraria e Desenvolvemento Rural (CIRADR) e na Declaración dos Dereitos dos Pobos Indíxenas da ONU.

 

Aquí, o Comité Internacional de Planeación pola Soberanía Alimentaria (CIP) debe xogar un papel fundamental para asegurar a participación efectiva dos movementos sociais e as organizacións da sociedade civil.

 

Esiximos reformas agrarias integrais que aseguren os dereitos individuais e colectivos/comunais ao acceso e o control dos territorios. Todos os Estados deben implementar políticas públicas efectivas que garantan o control comunal sobre todos os territorios. Hai que implementar fortes mecanismos de rendición de contas para indemnizar as violacións deses dereitos.

 

A igualdade de xénero e os intereses da mocidade teñen que estar no centro das reformas agrarias e acuáticas xenuínas. As reformas deberán garantir ás mulleres e á mocidade plena igualdade de oportunidades e dereitos á terra e aos bens naturais, e deberán compensar a discriminación histórica e actual.

 

O acceso á auga é un dereito humano fundamental. A auga debe seguir pertencendo ao acervo común e non verse suxeita a mecanismos de mercado no seu uso e gobernanza. As reformas neste ámbito deben dar recoñecemento legal, protección e reforzo dos dereitos colectivos das comunidades de pescadores de pequena escala a acceder e utilizar os caladoiros e recursos mariños.

 

Debe acabarse coa supresión de rutas de pastoreo e coa expropiación de terras, riquezas naturais e territorios ás comunidades locais a través de concesións económicas, grandes plantacións, agricultura industrial e acuicultura, turismo, grandes infraestruturas e outros proxectos. A recolección tamén constitúe unha fonte importante de alimento para as nosas comunidades e merece por iso protección específica.

 

O dereito ao territorio dos pobos indíxenas comprende unha visión da natureza como un ser vivo esencial para a identidade e cultura das comunidades ou pobos. Tal e como o establecen os artigos 41 e 42 da Declaración das Nacións Unidas sobre os Dereitos dos Pobos Indíxenas, facemos un chamado á FAO a que adopte unha política para os pobos indíxenas, a que recoñezan os dereitos territoriais dos pobos indíxenas e a que garantan a súa participación na toma de decisións sobre os recursos. Instamos á FAO e ao FIDA a que creen un grupo de traballo para os pobos indíxenas no CSAM.

 

Rexeitamos a propiedade intelectual sobre recursos vivos como sementes, plantas e animais. Deben prohibirse os monopolios biolóxicos de facto, en que a semente ou o animal se esterilizan. Debemos conservar as sementes nas nosas mans. Seguiremos intercambiando as nosas sementes e os nosos animais.

 

Valoramos o noso coñecemento tradicional de pescadores/as, gandeiros/as e agricultores/as e imos seguir desenvolvéndoo para poder alimentar ás nosas comunidades de forma sustentable. As nosas cancións e contos expresan a nosa cosmovisión e son de vital importancia para manter a nosa relación espiritual coa terra.

 

Compromisos da Sociedade Civil

 

Comprometémonos a incrementar o noso nivel de organización, construír alianzas fortes e transversais e promover accións conxuntas, articulacións, intercambios e solidariedade para falar cunha soa voz forte en favor da nosa soberanía alimentaria. Estamos convencidos e convencidas de que só o poder dos pobos organizados pode conseguir os cambios necesarios, e por iso nosa principal tarefa consiste en informar, concienciar, debater, organizar e mobilizar á xente.

 

As mulleres participantes no Foro, sinalando o seu opresión sistemática a través dos procesos de globalización e corporativización da agricultura, opresión esta que se ve exacerbada polo patriarcado, comprometémonos a conseguir a igualdade na representación e a toma de decisións. Esiximos xustiza de xénero, paz e respecto dos dereitos das mulleres, incluídos os dereitos comúns da propiedade.

 

Deben respectarse, valorarse e protexerse os nosos dereitos sobre as sementes, os recursos de produción, o noso saber e as nosas contribucións para a mellora da resistencia de certas especies. Deben garantirse condicións laborais seguras e salarios xustos ás traballadoras do campo e as súas comunidades.

 

Os mozos e mozas participantes no Foro reiteramos que a mocidade é clave para o desenvolvemento e a posta en práctica de políticas agrícolas ecolóxicas e socialmente sustentables. Todos os órganos de toma de decisións deben garantir a participación dos mozos.

 

Insistimos na necesidade dunha educación agrícola, pesqueira e gandeira (formal e informal) a partir dunha idade temperá, incluíndo a capacitación e formación necesarias para satisfacer as aspiracións dos mozos/as e as mulleres adultas.

 

O noso compromiso coa soberanía alimentaria inclúe a petición de que o Comité de Seguridade Alimentaria Mundial se rebautice e transfórmese no “Comité de Soberanía Alimentaria Mundial” e que se declare unha moratoria aos agrocombustibles.

 

Comprometémonos a asumir as nosas responsabilidades de forma colectiva para mobilizarnos pola soberanía alimentaria a todos os niveis, desde o local ao internacional. Reclamamos o control e a autonomía dos nosos procesos de organización e alianzas e imos seguir mellorando o proceso de rendición de contas mutuo valorizando a riqueza da nosa diversidade e desde o respecto da nosa respectiva autonomía. Recoñecemos o papel esencial do CIP na facilitación da creación de alianzas.

 

Queremos a Soberanía Alimentaria XA!