A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Política Europea>
  5. A Coordinadora Europea da Vía Campesina reafírmase cun heptálogo na súa defensa da agricultura familiar labrega

A Coordinadora Europea da Vía Campesina reafírmase cun heptálogo na súa defensa da agricultura familiar labrega

6 de Marzo do 2014

ECVC

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, e a técnica sindical, Conchi Mogo, veñen de participar na Asemblea Anual da Coordinadora Europa da Vía Campesina (ECVC), que se celebrou na vila norueguesa de Evenstad entre o 3 e o 4 de marzo. Esta xuntanza de labregos e labregas de toda Europa saldouse coa Declaración de Evenstad, coa que a ECVC afronta retos deste 2014 como a declaración do Ano Internacional da Agricultura Familiar, a reforma da Política Agraria Común ou a ameaza dos tratados de libre comercio asinados ou en vías de concretarse entre a Unión Europea e terceiros países. De seguido, compartimos con todos e todas vós este documento.

Declaración de Evenstad

4 marzo 2014

Sete medidas para fortalecer a agricultura familiar labrega xa!

A día de hoxe, a agricultura familiar labrega é e segue a ser o modelo de produción de alimentos máis estendido en Europa e no mundo.

Dende hai varias décadas, aos labregos e labregas de Europa empúrraselles cara á seguinte tesitura: renovarse ou morrer. Equipamentos, custosos investimentos, ampliación das explotacións... Os produtores e as produtoras vense na obriga de meterse nunha espiral sen fin. A “modernización” a marchas forzadas xa non lles permite obter unha maior comodidade ou unha vida mellor, senón que se converteu nun fin en si mesmo, nunha obriga. O endebedamento afecta a todos e a todas, e os labregos e as labregas máis febles e con menor fortuna deben deixalo. A alimentación redúcese a unha mera mercadoría, os labregos e labregas redúcense a simples produtores e produtoras de materias primas e perden o control das súas actividades.

En numerosos países e de variados xeitos, as labregas e os labregos resistiron este movemento incontrolado co fin de defender os seus valores e o sentido do seu traballo. Non consideran aos seus animais como meras máquinas, desenvolven sistemas agroecolóxicos, crean asociacións cos consumidores e coas consumidoras, defenden unha alimentación san e de calidade.

Moitos e moitas participan nas organizacións que forman parte da Coordinadora Europea da Vía Campesina, como parte dun proxecto político de construción dun sistema alimentario diferente baseado na soberanía alimentaria.

A crise alimentaria de 2007-2008 deixou en evidencia a importancia estratéxica da alimentación. A clase política comezou a recoñecer a necesidade de salvagardar tódalas agriculturas -e non só a que segue o modelo industrial-, en pro da seguridade alimentaria mundial. Sen embargo, a crise fixo máis atractivos os investimentos no sector agrícola, e favoreceu o acaparamento de terras, os monocultivos a gran escala e o desenvolvemento da gandería industrial en prexuízo das pequenas explotacións.

Na Unión Europea están concluíndo as negociacións da nova Política Agraria Común (PAC), unha PAC que segue vertebrada ao redor dos pagamentos por hectárea, como acontecía coa antiga, que á súa vez provocou a desaparición do 20% dos labregos e labregas de Europa entre 2003 e 2013 -ou o que é o mesmo, de 3 millóns de postos de traballo-. A Unión Europea segue negándose a remunerar de xeito digno o traballo dos labregos e das labregas cuns prezos xustos asegurados mediante o regulamento público dos mercados, e segue a manter a inxustiza dun sistema baseado nos pagamentos por hectárea.

En 2014, designado pola ONU como Ano Internacional da Agricultura Familiar, celébrase aos pequenos produtores e ás pequenas produtoras. Pero esta realidade contrasta coa dunhas políticas públicas que se deciden a nivel mundial pregándose aos mercados e á especulación financeira e favorecendo a competencia e a guerra económica. Estas políticas non recoñecen o papel fundamental do modelo social de produción labrega para a alimentación, o emprego e o respecto á natureza.

As labregas e os labregos da Coordinadora Europea da Vía Campesina piden a tódolos gobernos nacionais e rexionais, así como ás institucións europeas, que se comprometan a tomar as sete medidas seguintes:

  1. Co fin de protexer a existencia e a actividade dos labregos e labregas, que son máis vulnerables e emigrantes á forza dentro da propia Europa; e co fin de protexer a xornaleiros e xornaleiras, pastores e pastoras, pescadores e pescadoras artesanais… os estados europeos e a UE deben apoiar os traballos do Consello dos Dereitos Humanos en pro dos Dereitos de Labregos e Labregas e demais habitantes do medio rural.

  2. Os acordos chamados de “libre” comercio, pola súa propia natureza benefician unicamente a grandes empresas transnacionais en detrimento dos labregos e das labregas. Elabóranse de xeito opaco e antidemocrático e teñen un efecto negativo nos estándares alimentarios e sociais, e tamén nos países del sur. Por iso, a UE debe cesar as negociacións de todo novo acordo comercial, moi en especial o TTIP cos EE.UU., suspender a aplicación dos acordos xa negociados, e apresurarse a renegociar outros que teñan un efecto benéfico para a poboación.

  3. Respecto da Política Agrícola Común, as últimas arbitraxes da PAC e as adaptacións nacionais e rexionais deben favorecer aos labregos e ás labregas. Cómpre asegurar un acoplamento máximo das axudas e evitarse a imposición de topes mínimos de investimento ou de superficie para o acceso a estas subvencións, utilizando os topes para repartir os cartos entre tódolos produtores e tódalas produtoras. As subvencións para a incorporación de xente moza deben ser independentes do seu nivel de investimento. A condicionalidade das axudas debe adaptarse para evitar medidas ilóxicas e discriminatorias.

  4. As leis estatais, así como a normativa comunitaria, deben recoñecer o dereito inalienable dos labregos e das labregas a producir, reproducir e comercializar as súas sementes tradicionais, garantes da biodiversidade cultivada e da súa autonomía. O cultivo de transxénicos de calquera caste debe prohibirse en tódolos territorios.

  5. Para favorecer en Europa unha produción local e de calidade en circuítos de proximidade accesibles a todos e a todas, incluídas as persoas máis vulnerables, pídeselle a tódolos estados que elaboren regras de hixiene relativas aos talleres de transformación e ás instalacións de distribución aos consumidores e consumidoras que sexan específicas para as pequenas unidades de produción. No fornecemento de proximidade dos mercados públicos deberá favorecerse aos labregos e ás labregas.

  6. A incorporación de novos labregos e novas labregas debe ser unha prioridade para o emprego, para asegurar a renovación dos agricultores e das agricultoras e para garantir a vitalidade dos territorios rurais. É necesario elaborar políticas de ordenación cunha directiva europea de tipo VGTL (directivas voluntarias para o acceso á terra do Comité de Seguridade Alimentaria da ONU) e favorecer o acceso á terra da mocidade labrega e das pequenas unidades familiares, non só mediante a compra, senón tamén mediante arrendamentos garantidos para aqueles e aquelas que traballan a terra, impedindo con isto o acaparamento de terras e limitando a extensión das mega-granxas agrícolas ou gandeiras de corte industrial. O financiamento dos servizos públicos e unha dinámica de territorios é necesaria para manter o atractivo do traballo no campo.

  7. É indispensable velar por un estrito respec to da igualdade de dereitos das mulleres no acceso á terra, ao financiamento, e a tódolos recursos necesarios para o desempeño do seu traballo de labregas.

Para chegarmos a unha sociedade solidaria, un medio ambiente coidado e unha alimentación de calidade, Europa necesita a tódolos seus labregos e labregas. No Ano Internacional da Agricultura Familiar Labrega, la loita agarda por nós!

Asemblea ECVC