A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Política Europea>
  5. Isabel Vilalba participou no Consello Consultivo do Leite que trata o veto ruso aos produtos lácteos comunitarios

Isabel Vilalba participou no Consello Consultivo do Leite que trata o veto ruso aos produtos lácteos comunitarios

3 de Septembro do 2014

Isabel Vilalba Seivane

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, xunto a representantes de diferentes organizacións da Coordinadora Europea Vía Campesina (ECVC), participou, o 3 de setembro, na xuntanza do Grupo Consultivo do Leite en Bruxelas. Neste foro debatéronse medidas para que o veto ruso aos produtos lácteos da UE, equivalentes a 2.200.000 toneladas de leite, non supoñan un grave desequilibrio no mercado e prezos ruinosos para os labregos e as labregas.

Dende a ECVC defendemos que se apliquen medidas de regulación de mercado e da produción con urxencia para evitar excedentes e baixos prezos nos produtos agrogandeiros, como o leite e a carne, que se poidan producir co veto ruso. Consideramos que a Política Agraria Común (PAC) debe orientarse fundamentalmente á produción de alimentos saudables e accesibles para a poboación europea, no marco da soberanía alimentaria; cun modelo de produción no que en toda Europa miles de pequenas e medianas explotacións familiares teñan rendas dignas, garantan un medio rural vivo e xeren postos de traballo e riqueza. Por este motivo, propoñeremos que se cambie a orientación exportadora da PAC como eixe principal, xa que expón aos nosos labregos e labregas a situacións de gran vulnerabilidade, como a actual, debida fundamentalmente a intereses xeopolíticos de potencias internacionais que nada teñen que ver coa agricultura ou coa alimentación.

Neste contexto, consideramos unha grave irresponsabilidade continuar no camiño de eliminar os instrumentos de regulación no sector do leite, como o final das cotas lácteas previsto para abril do 2015, e seguir fomentando incrementos da produción que aumenten os problemas de sobreprodución e baixadas de prezos até niveis que forcen ás granxas a vender por baixo dos custes, situación que vén provocando e segue a provocar, ano tras ano, a ruína de miles de produtores e produtoras de leite en toda Europa.

Tamén pensamos que se debe aplicar o principio de preferencia comunitaria e rematar co absurdo de políticas que fomentan a importación dun alimento dende miles de quilómetros e, ao mesmo tempo, a exportación dese mesmo produto tamén a miles de quilómetros, con graves impactos no modelo social de agricultura e gandería, consumo innecesario de enerxía, contaminación, volatilidade de prezos, etc.
Ao mesmo tempo, dende a Coordinadora Europea da Vía Campesina expresaremos o noso rexeitamento ás restitucións (axudas á exportación) como ferramenta para afrontar a presente crise, xa que estamos en contra de que os excedentes agrícolas comunitarios se vendan por baixo dos custes de produción en terceiros países -grazas a recibir subvencións con cartos públicos- provocando dumping e afundindo os prezos nos seus mercados.

Ademais dun seguimento continuado da situación do sector lácteo por parte da Comisión Europea, resulta imprescindible a articulación de medidas para o mantemento da renda das labregas e dos labregos que producen leite e outros alimentos afectados polo veto ruso, de maneira que, a través do fondo de crise ou doutras dotacións orzamentarias, se compense a caída dos prezos pagados en orixe nas explotacións, evitando a ruína ou a peche de máis granxas, un feito que cando se produce é irreversible e afonda no problema do envellecemento da poboación labrega europea e ten graves consecuencias como o abandono e despoboamento de amplas zonas rurais.
Outras medidas que defendeu Isabel Vilalba no Consello Consultivo do Leite foron impulsar a transformación de produtos perecedoiros como o leite, con procesos que permitan a súa conservación; reforzar as liñas de traballo para garantir a accesibilidade a produtos lácteos de calidade a persoas e grupos sociais empobrecidos que non poden dispoñer dunha alimentación suficiente e equilibrada; e, en todo caso, buscar diferentes saídas aos produtos alimentarios vetados, con prezos axeitados ás persoas produtoras e consumidoras, e respectando sempre a soberanía alimentaria dos diferentes pobos.

Consello Consultivo do Leite