A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Política Europea>
  5. Medio Rural incumpre a promesa de adiantar as axudas da PAC e atrasará o pago ás sociedades civís até a primavera

Medio Rural incumpre a promesa de adiantar as axudas da PAC e atrasará o pago ás sociedades civís até a primavera

3 de Decembro do 2015

Cobrador do frac no Fogga

O Sindicato Labrego Galego denuncia as mentiras da Consellaría de Medio Rural cando afirma que se adiantou o pagamento das axudas da Política Agraria Común (PAC) como resposta ás protestas gandeiras do sector lácteo acontecidas este verán de cara a dar liquidez ás granxas pois, de telo feito, fíxoo de maneira parcial e incompleta.

O certo é que o Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), organismo encargado de executar os ingresos, atrasou o pagamento á maioría das sociedades civís, entre as que se inclúen asociacións como as sociedades agrarias de transformación (SAT), moi estendidas nos nosos sectores agrogandeiros.

Inquirido polo SLG respecto destes atrasos, dende o FOGGA alegan controis administrativos sobre as persoas que forman parte das sociedades civís e sobre as súas porcentaxes de participación nelas. Segundo puidemos saber no Sindicato Labrego Galego, estas explotacións non cobrarán a PAC até marzo de 2016, o cal resulta absolutamente inadmisible no contexto de crise xeneralizada que estamos a vivir cos baixos prezos do leite, xa que a liquidez das familias que viven deste sector depende totalmente destas axudas. Para os produtores e produtoras de carne de vacún, tamén cunha crise de prezos á baixa durante boa parte de 2015 e co meirande das granxas en zonas desfavorecidas de montaña, acontece outro tanto.

Para o Sindicato Labrego Galego, este atraso no pagamento da PAC é consecuencia da falta de planificación da Consellaría. Sabendo da complexidade do proceso de tramitación da PAC, é inadmisible que Medio Rural non comezase antes con estes controis cando o prazo para solicitar a axuda rematou o 15 de xuño. Mesmo coñecemos casos de sociedades civís ás que non se lles pediu ningunha documentación porque teñen os datos actualizados e, aínda así, seguen sen cobrar un céntimo da PAC.

Mobilizacións se non ingresan os cartos en 2015

Diante desta situación, dende o Sindicato Labrego Galego esiximos da Consellaría de Medio Rural que revisen os expedientes afectados por estas inspeccións coa máxima urxencia para poder ingresarlle os cartos das axudas a estas sociedades civís antes de que remate o ano 2015. De non obter unha resposta positiva, o Sindicato Labrego Galego realizará accións de protesta destinadas a denunciar este problema a partir da semana que vén. Non estamos pedindo esmolas, senón que esiximos que se lles pague a estas explotacións o que lles corresponde por dereito e dentro dos prazos prometidos tanto polo Ministerio de Agricultura como pola Consellaría de Medio Rural, que se comprometeron a adiantar o pagamento da PAC como medida compensatoria á crise do sector lácteo.

Cobrador Frac Fogga