Labregas e labregos reivindicarán mañá en Santiago de Compostela o dereito á negociación colectiva dos prezos agrarios.
17 de Novembro do 2008
Labregas e labregos reivindicarán mañá en Santiago de Compostela o dereito á negociación colectiva dos prezos agrarios.
A grave situación que arestora están a sufrir as explotacións agrarias en xeral e as leiteiras en particular, perante do risco a vérense abocadas a vender a súa produción a prezos ruinosos, pon de releve a irregularidade predominante no sistema de contratación agraria que, no caso do leite se vendeu como a estabilidade a traves dos Contratos Homologados.
En todo tipo de contratos, a/o traballadora/o primeiro negocia as condicións e o prezo do seu traballo e, se está conforme, asina.
No sector lácteo asinouse no mes de maio, por parte das industrias e de XXAA e UUAA, coa mediación da CMR e o MARM, todo o contrario ao sentido común e ao dereito: un contrato sen prezo para o noso traballo. E agora, por riba, van demandar nunha manifestación que ese contrato se cumpra!
As empresas “fan e desfán”, marcan prezos á baixa constantemente sen que as organizacións asinantes nin as administracións lles podan poñer coto ningún.
Os prezos de mercado márcanos industrias e distribución co único criterio de gañar máis e apoiar a industrialización do proceso de produción de alimentos.
Aquí quen sempre perden son labregas e labregos e o conxunto da cidadanía. O SLG defende o establecemento de prezos mínimos que cubran custos e traballo.
Non nos cansaremos de defender que primeiro ten que haber un prezo mínimo para o leite e resto de produtos agrarios, establecido por norma, e despois refrendalo nun contrato.
Esa é a diferencia substancial pola que mañá hai convocadas dúas manifestacións. Non se pode andar enganando a ninguén: a unidade nas mobilizacións e nas reivindicacións rompérona XXAA e UUAA asinando un contrato sen prezo o 21 de maio, cando as gandeiras e os gandeiros estiveran na rúa o 30 de abril demandando prezo e estabilidade.
A unidade de mobilización e reivindicación volvérona romper agora convocando pola súa conta e, sen contar co SLG, unha mobilización para defender os contratos sen prezo.
A mobilización convocada polo SLG baixo o lema xeral “Polo dereito á negociación colectiva dos prezos”, partirá ás 11:30 diante da Consellaría do Medio Rural e rematará no Obradoiro, diante da sede oficial da Presidencia da Xunta de Galicia.
Moitas grazas pela vosa atención.
Saúdas do Gabinete de Comunicación do Sindicato Labrego Galego
Carme Freire Cruces, Secretaria Xeral do SLG
TLF: 619 348 426