A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Política Europea>
  5. Campaña de mobilizacións e emendas da ECVC para dar unha viraxe labrega á Política Agraria Común

Campaña de mobilizacións e emendas da ECVC para dar unha viraxe labrega á Política Agraria Común

29 de Novembro do 2018

Mani CNA Lisboa

A menos dunha semana da presentación das emendas aos informes do Parlamento Europeo sobre a Política Agraria Común (PAC) post 2020, a Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC) está a desenvolver unha campaña en toda Europa para insistir na necesidade de definir un modelo agrícola que sexa sostible e constitúa un verdadeiro apoio para as zonas rurais.

A ECVC insiste en que a futura PAC debe garantirlles rendas xustas aos labregos e labregas -equiparadas ao resto de profesións- e responder ás expectativas da sociedade. Isto implica a transición de tódalas granxas europeas cara a modelos sostibles e cara á agroecoloxía labrega, preservar o medio ambiente e o clima, e garantir alimentos de calidade para toda a cidadanía -incluíndo as persoas máis desfavorecidas. E, para isto, precisamos políticas públicas de regulación dos mercados.

Neste marco, as delegadas e os delegados da ECVC reuníronse, a semana pasada, con deputados e deputadas da Unión Europea -entre quen se atopaba o presidente da Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo (Comagri), Adam Siekierski- para presentarlles sete demandas fundamentais:

  1. Manter a actividade agrícola labrega -orientada á produción de alimentos e non de agrocarburantes- en tódolos territorios rurais, e dar prioridade á mocidade labrega durante os primeiros anos de actividade, do mesmo xeito que na distribución de axudas e na reserva dos dereitos de pagamento.

  2. Fixar un tope obrigatorio dos pagamentos directos en 60.000 euros, con dedución do 50% dos custes laborais sobre a base dun contrato de traballo real, e cunha limitación máxima ao número de traballadores ou traballadoras; os eco-programas deben, igualmente, ser sometidos aos límites nas axudas.

  3. Conceder un pagamento directo obrigatorio aos labregos e labregas de pequena escala, a partir dun valor mínimo de axuda.

  4. Manter o actual nivel das axudas acopladas e non aceptar que os cultivos destinados a agrocarburantes se beneficien desta axuda.

  5. Aquelas granxas baseadas en modelos agroecolóxicos deben ser recoñecidas dentro dos eco-esquemas. Estes últimos deben ser unha axuda e apoio a sistemas e modelos a favor do clima e do medio ambiente, e non unha axudas a prácticas específicas dentro dun sistema agrícola intensivo.

  6. Rexeitamos que haxa financiamento obrigatorio aos seguros agrarios para afrontar as crises de mercado. A xestión dos riscos debe atenderse con políticas públicas como, por exemplo, a regulación dos mercados.

  7. Tódalas axudas abonadas a labregos e labregas deben estar suxeitas ao cumprimento dunha serie de requisitos comúns relativos aos dereitos e á acollida dos traballadores e traballadoras agrícolas (con referencia aos convenios internacionais do traballo), independentemente do seu status (labrego ou labrega, empregado ou empregada, xornaleiro ou xornaleira). Isto supón a inclusión dunha condicionalidade social na PAC.

A presión por parte do movemento labrego europeo tamén se fixo de maneira descentralizada. A Confederaçao Nacional da Agricultura (CNA) mobilizou máis dun milleiro de labregos e labregas en Lisboa, que se concentraron en defensa da agricultura familiar e do mundo rural. Unha delegación entregou as súas principais propostas e reclamacións á Comisión de Agricultura e Mar da Asemblea da República e ao Primeiro Ministro de Portugal.

As nosas reivindicación son as dunha grande parte da sociedade europea. Conforme a isto, unha coalición de organizacións europeas comprometidas coa loita por modelos de agricultura e alimentación sostibles, Good Food, Good Farming, concentráronse o 19 de novembro diante do Consello Europeo en Bruxelas, pedindo aos ministros e ás ministras de Agricultura da UE apoiar un modelo agrícola sostible que sexa xusto e saudable para o campesiñado, a cidadanía e o medio ambiente.

Mani CNA Lisboa