A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Política Europea>
  5. Mobilización por unha Política Agraria Común (PAC) para as labregas/os e a sociedade

Mobilización por unha Política Agraria Común (PAC) para as labregas/os e a sociedade

23 de Abril do 2010

Carme Freire Cruces

Na mañá de hoxe, venres 23 de abril, a Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Carme Freire Cruces, anunciou a realización dunha mobilización europea convocada pola Coordenadora Europea Vía Campesina (CEVC), da cal o Sindicato Labrego Galego forma parte, con motivo do cumio de ministros e ministras de agricultura que terá lugar en Mérida o vindeiro 30 de maio.

cfreire

Carme Freire Cruces, Secretaria Xeral do SLG, na rolda desta mañá na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela.

 

O Sindicato Labrego Galego, canda outras organizacións integrantes da Coordenadora Europea Vía Campesina tanto a nivel estatal (Coordinadora de Organizacións Agrarias y Ganaderas-COAG, Euskal Herriko Nekazarien Elkartasuna-EHNE, etc.) coma europeo, e en resposta á convocatoria desta, estará presente en Extremadura para reclamar unha política agraria que permita aos labregos e labregas prezos polos seus produtos, que cubran custos de produción e traballo ao tempo que garantan á sociedade produtos asequíbeis e de calidade para poder alimentarse a diario.

 

As organizacións pertencentes á Coordenadora Europea Vía Campesina loitaremos por facer entender aos ministros e ministras que non hai futuro para as labregas e labregos se seguimos polo camiño de liberalizar os mercados e a produción, ao igual que non hai un futuro de calidade para a cidadanía en xeral se deixamos en mans das multinacionais o poder de controlar a alimentación.

 

Dende o SLG, e coma CEVC, convocamos a tódalas persoas, non só labregas e labregos, loitar conxuntamente por unha outra Política Agraria Común, que garanta prezos e transparencia ao longo de toda a cadea alimentaria, limitando as marxes de beneficio da distribución e a transformación, e garantindo alimentos sans para a cidadanía.

 

O mantemento dunha agricultura labrega, social e sustentábel ten que ser a base da nova Política Agraria Común (PAC) 2013, e os ministros e ministras de agricultura son quen teñen a responsabilidade de levar este traballo adiante. O vindeiro 30 de maio en Cáceres terán que escoitar a nosa voz.

 


 

_________________

 

 

Arquivo de audio para descarregar: declaracións Carme Freire Cruces.

Ficheiro adxunto