A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Política Europea>
  5. Mobilización por unha Política Agraria Común (PAC) para as labregas/os e a sociedade

Mobilización por unha Política Agraria Común (PAC) para as labregas/os e a sociedade

29 de Maio do 2010

coordenadora europea via campesina

Na mañá de hoxe, venres 28 de maio, o Sindicato Labrego Galego (SLG) quere facer pública a presenza de labregas e labregos de Galiza, convocados polo SLG –membro da Coordenadora Europea Vía Campesina (CEVC)–, que se van manifestar diante do Consello de ministros e ministras que se vai celebrar o domingo día 30 de maio na cidade de Mérida (Extremadura)..

A actual situación de desfeita e peche das explotacións motivada pola baixada de prezo de tódolos produtos, ten responsábeis concretos: os ministros e ministras de agricultura que sosteñen a aplicación da actual política agroalimentaria europea, deseñada á medida das transnacionais e non dos labregos e labregas nin da sociedade.

 

Estas persoas, responsábeis da elaboración dos marcos de regulación da produción de alimentos en Europa, están a deseñar arestora unha nova reforma da Política Agraria Común para aplicar a partires do 2013. Coma parte deste proceso, o vindeiro 30 de maio as ministras e ministros de agricultura europeos reuniranse en Mérida.

 

O Sindicato Labrego Galego, canda outras organizacións integrantes da Coordenadora Europea Vía Campesina tanto a nivel estatal (Coordinadora de Organizacións Agrarias y Ganaderas-COAG, Euskal Herriko Nekazarien Elkartasuna-EHNE, etc.) coma europeo, e en resposta á convocatoria desta, estará presente en Extremadura para reclamar unha política agraria que permita aos labregos e labregas prezos polos seus produtos, que cubran custos de produción e traballo ao tempo que garantan á sociedade produtos asequíbeis e de calidade para poder alimentarse a diario.

 

As organizacións pertencentes á Coordenadora Europea Vía Campesina loitaremos por facer entender aos ministros e ministras que non hai futuro para as labregas e labregos se seguimos polo camiño de liberalizar os mercados e a produción, ao igual que non hai un futuro de calidade para a cidadanía en xeral se deixamos en mans das multinacionais o poder de controlar a alimentación.

 

Dende o SLG, e coma CEVC, convocamos a tódalas persoas, non só labregas e labregos, loitar conxuntamente por unha outra Política Agraria Común, que garanta prezos e transparencia ao longo de toda a cadea alimentaria, limitando as marxes de beneficio da distribución e a transformación, e garantindo alimentos sans para a cidadanía.

 

O mantemento dunha agricultura labrega, social e sustentábel ten que ser a base da nova Política Agraria Común (PAC) 2013, e os ministros e ministras de agricultura son quen teñen a responsabilidade de levar este traballo adiante. O vindeiro 30 de maio en Mérida terán que escoitar a nosa voz.