A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Política Europea>
  5. O Sindicato Labrego en Bruxelas para defender unha nova PAC baseada na soberanía alimentaria dos pobos

O Sindicato Labrego en Bruxelas para defender unha nova PAC baseada na soberanía alimentaria dos pobos

27 de Outubro do 2010

Xosé Ramón Cendán

O coordinador de Relacións Exteriores do Sindicato Labrego Galego, Xosé Ramón Cendán, estará durante a presente semana en Bruxelas para participar en diversos eventos que teñen por obxectivo presentar e defender a proposta da Coordinadora Europea da Vía Campesina (CEVC) para a Política Agraria Común (PAC) a partir do ano 2013.

O primeiro acto no que participará Cendán será nun encontro con deputados e deputadas do Parlamento Europeo que se celebrará hoxe, 26 de outubro. Nesta xuntanza, @s representantes das organizacións agrarias da CEVC, na que está integrado o Sindicato Labrego Galego, compartirán cos europarlamentarios e as europarlamentarias a súa visión da PAC.

Ao día seguinte, 27 de outubro, a CEVC realizará unha conferencia internacional baixo o título “Como cambiar a PAC para responder aos desafíos europeos e globais” na que participarán, entre outros, o Comisario Europeo de Agricultura, Dacian Ciolos; o vicepresidente da Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo, Jose Bové; o director xeral de Agricultura da Comisión Europea, Nikiforos Sivenas; ou a presidenta do Consello Agrícola Europeo, Sabine Laruelle; xunto a membros da CEVC como Genèvieve Savigny ou Andoni García. Os expertos e expertas invitad@s a participar neste acto repartiranse en tres mesas redondas:

  1. Como cambiar a PAC para responder aos desafíos globais”, con Sabine Laurelle, Ministra de Agricultura de Bélxica e presidenta do Consello Agrícola Europeo; Nikiforos Sivenas, director xeral de Agricultura da Comisión Europea; e Genèvieve Savigny, da Coordinadora Europea da Vía Campesina.

  2. Instrumentos para unha Política Agraria Común xusta, sostíbel e reciprocamente solidaria no marco da soberanía alimentaria”, con Jean-Christophe Kroll, agroeconomista e escritor; Kirtana Chandrasekaran, co-coordinadora do programa de soberanía alimentaria do movemento Amigos da Terra Internacional; Jose Bové, activista da Vía Campesina e vicepresidente da Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo; Luis Capoulas Santos, membro da Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo; e Andoni García, membro do grupo de traballo da PAC na CEVC.

  3. Política Agraria Común no mundo: como cambiar a PAC e as regras do comercio internacional para asegurar a soberanía alimentaria”, con Dacian Ciolos, Comisario Europeo de Agricultura; Gaëtan Van Lokeren, conselleiro do relator especial da ONU sobre dereito á alimentación, Olivier Sutter; Thierry Kestelot, responsábel de política agraria de OXFAM Solidariedade de Bélxica; e Badrul Alam, presidente da organización labrega Bangladesh Kriskok Federation.

Tanto o Sindicato Labrego Galego, a través de Xosé Ramón Cendán, como a CEVC, defenderán nestes eventos un cambio de rumbo na PAC que estea baseado na soberanía alimentaria dos pobos e non, como ata o de agora, en orientar a agricultura e a gandería cara á exportación, de maneira que podamos manter e desenvolver unha agricultura labrega social e sustentábel que alimente á poboación, preserve o medio ambiente e a saúde, e manteña paisaxes rurais vivas.

Para iso, os labregos e as labregas deben poder vivir principalmente da venda dos seus produtos grazas a uns prezos agrícolas estables e remuneradores. É unha condición indispensable para o seu recoñecemento económico, e para así atraer ás persoas novas a esta profesión.

A Coordinadora Europea da Vía Campesina e o SLG tamén reivindicarán que se reserven os apoios públicos aos métodos de produción e ás explotacións que son beneficiosas para o emprego e o medio ambiente.

A soberanía alimentaria establece para a agricultura a prioridade de producir para alimentar á poboación, en lugar de producir para o comercio internacional e para exportar. A UE, que se converteu no maior importador e, á vez, no principal exportador de produtos alimentarios, debería revisar a fondo as súas prioridades. Exportar leite en po á vez que se importa soia para alimentar ás vacas, ou producir as nosas froitas e verduras en países do Sur porque a man de obra alí é máis barata, arrástranos á calella sen saída social e ambiental na que nos atopamos agora, cun modelo agrario ecoloxicamente insostíbel e co peche de miles de explotacións cada ano que están a converter o medio rural europeo nun páramo deshabitado.