A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Política Europea>
  5. Lidia Senra defendeu en Bruxelas unha reforma profunda da PAC e da política leiteira

Lidia Senra defendeu en Bruxelas unha reforma profunda da PAC e da política leiteira

14 de Xaneiro do 2011

Lidia Senra

O pasado 11 de xaneiro, a secretaria de organización do Sindicato Labrego Galego, Lidia Senra, estivo reunida en Bruxelas cos grupos consultivos que van debater as novas propostas de política leiteira e de Política Agraria Común (PAC) da Comisión Europea. Entre outros, participou nos debates o director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva.

Lidia Senra, que tomou parte no encontro en representación da Coordinadora Europea da Vía Campesina, defendeu unha reforma profunda da PAC que estea baseada no dereito á soberanía alimentaria de todos os pobos, no marco dunha produción sustentable, segura, nutritiva, variada e adaptada ambiental e culturalmente. Tamén defendeu Senra, en nome das organizacións que integran a Coordinadora Europea da Vía Campesina, que se regulen os mercados agrarios para rematar co contexto actual de prezos de miseria que están a sufrir todos os sectores produtivos e que está a provocar o peche de miles de explotacións agropecuarias cada ano.

“O resultado de continuar cunha PAC cuxo obxectivo é desregular o mercado”, advertiu Senra, “coñecémolos de abondo: prezos agrarios á baixa, miles de millóns do erario público en axudas para que os labregos e as labregas poidan sobrevivir malvendendo o produto do seu traballo a prezos por baixo dos custes de produción, e as multinacionais e grandes distribuidoras da alimentación amasando beneficios millonarios grazas aos nosos impostos e ao esforzo das explotacións. Unha fórmula perfecta para que na Unión Europea, e na Galiza, continúen pechando miles de explotacións e se desertice aínda máis o medio rural”.

Precisamente, ese é o mal que padece dende hai décadas o sector leiteiro, para o cal tamén reclamou Lidia Senra a súa regulación a través do control da produción e do establecemento dun prezo mínimo universal que cubra os custes de produción e garanta a viabilidade económica das explotacións que aínda seguen en activo na Unión Europea.

Lidia Senra en Bruxelas