A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Política Europea>
  5. As explotacións leiteiras d'A Mariña lucense perderán máis de medio millón de euros pola marxinación da Xunta e do Goberno Central

As explotacións leiteiras d'A Mariña lucense perderán máis de medio millón de euros pola marxinación da Xunta e do Goberno Central

13 de Xaneiro do 2011

Vaca

A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galiza publicou onte 11 de xaneiro a Orde que regula a aplicación das comunmente chamadas axudas da PAC. Nos artigos 74 a 77 desta Orde regúlase unha axuda dirixida ás explotacións lácteas, denominada "Axudas para compensar as desavantaxes específicas que afectan aos agricultores e ás agricultoras en zonas economicamente vulnerables ou sensibles desde o punto de vista ambiental e para tipos de produción economicamente vulnerables". 

Tal e como pasara o ano pasado, estas axudas deixan fora ás explotacións situadas en concellos non incluidos en zonas catalogadas como desfavorecidas, e concretamente, na Mariña de Lugo, ás explotacións ubicadas nos concellos de Trabada, Ribadeo, Barreiros, Lourenzá e Foz.

Xa o ano pasado, o SLG denunciara esta discriminación inxustificábel, xa que, obxectivamente, as condicións para a produción de leite non son mellores na nosa comarca que noutras nas que si se cobran estas axudas (Terra Cha, Melide, o Deza, etc.). Pese á forte contestación social, plasmada entre outras accións na entrega masiva de escritos de protesta diante do Ministerio e da Consellería, neste ano 2011 as administracións reiteran o seu desprezo ás explotacións lácteas da Mariña.

O importe destas axudas foi, dependendo das zonas, de entre 48 e 59 euros por vaca de aptitude láctea maior de 24 meses, mais 38,80 euros por vaca no caso de cumprir uns determinados índices de superficie forraxeira.

Dando por bos os datos do último censo gandeiro do Instituto Galego de Estatística, que cifra en case 9400 o número de vacas en muxidura que teñen as explotacións situadas nos concellos citados enriba, podemos dicir que as explotacións lácteas da Mariña deixaron de percibir máis de medio millón de euros, polo capricho ou a incompetencia da Consellería do Medio Rural.

Nun momento no que os prezos do leite seguen por baixo do limiar da rendibilidade, e os custes de produción se disparan por efecto da subida dos concentrados (froito á súa vez da especulación cos cereais nos mercados), a non percepción desta axuda vai incrementar a fraxilidade das explotacións da comarca e acelerar o proceso de desaparición do sector, anulando as súas posibilidades como motor económico da comarca.

O Sindicato Labrego Galego vai volver a dar a batalla para que este despropósito non se consume, e cambien os criterios para o acceso a estas axudas ou, no seu caso, se compense adecuadamente ás explotacións excluídas.