A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Política Europea>
  5. Isabel Vilalba reuniuse co Comisario de Agricultura para pedirlle que a Política Agraria Común garanta prezos remuneradores para os produtos agrarios

Isabel Vilalba reuniuse co Comisario de Agricultura para pedirlle que a Política Agraria Común garanta prezos remuneradores para os produtos agrarios

28 de Xaneiro do 2011

Isabel Vilalba

A secretaria de soberanía alimentaria do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, reuniuse, o 27 de xaneiro en Bruxelas, co Comisario de Agricultura, Dacian Ciolos. Vilalba acudiu ao encontro no seo dunha delegación da Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC).

Vilalba e os seus compañeiros e compañeiras da ECVC denunciaron ante Ciolos que algúns dos obxectivos pretendidos pola nova Política Agraria Común (PAC) que se está deseñando, non se van cumprir coas reformas feitas públicas até o de agora. Estes obxectivos son, principalmente, dous: garantir unha produción alimentaria suficiente, san e de calidade para toda a Unión Europea; e conservar os postos de traballo nos sectores agrarios.

Para cumprir estes obxectivos, afirmou Vilalba, “precisamos, en primeiro lugar, ter estabilidade nos prezos e que as rendas dos labregos e das labregas veñan, principalmente, a través de prezos remuneradores nos produtos agrarios, que deberían cubrir os custes de produción e o traballo”. Para termos eses prezos, Isabel Vilalba subliñou que é imprescindible que haxa unha regulación dos mercados e control da produción para evitar que se produzan excedentes que provoquen a caída dos prezos.

A delegación da ECVC tamén criticou ante Dacian Ciolos o sistema de axudas á agricultura que se mantén coa actual PAC. Respecto disto, defenderon que as axudas teñan topes, para evitar que se sigan a dar subvencións millonarias a grandes corporacións e terratenentes, como acontece hoxe en día; e que se lles concedan só a aqueles activos agrarios que, coa súa actividade, estean proporcionando bens á sociedade en forma de produción de alimentos de calidade, estruturación e xestión do territorio e do medio rural, e prácticas beneficiosas para o medio ambiente.

Finalmente, tamén se lle fixo entrega a Ciolos da táboa reivindicativa do sector leiteiro emanada do seminario europeo que o Sindicato Labrego Galego organizou, os pasados 21 e 22 de xaneiro, en Compostela. Basicamente, nesta se explica que a ECVC só aceptará contratos no sector se estes parten dun prezo base que cubra custes e traballo nas explotacións, por baixo do cal as industrias non poidan baixar; e só cando eses prezos xurdan da negociación colectiva no seo dunhas interprofesionais onde deben estar representadas as organizacións agrarias, industrias, distribuidoras, cooperativas e os consumidores e consumidoras, coa administración desempeñando un papel de arbitraxe. Desde este punto de vista, a ECVC opúxose á creación de organizacións de produtores para negociar os prezos coas industrias, xa que as únicas lexitimadas para representar aos labregos e ás labregas son as organizacións agrarias.

Isabel Vilalba con Ciolos 1

 Isabel Vilalba con Ciolos 2