A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Política Europea>
  5. Isabel Vilalba avogou ante Dacian Ciolos por que a nova PAC defenda as pequenas e medianas explotacións

Isabel Vilalba avogou ante Dacian Ciolos por que a nova PAC defenda as pequenas e medianas explotacións

17 de Septembro do 2012

Ciolos e Vilalba

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, mantivo onte, 16 de setembro, un encontro co Comisario Europeo de Agricultura, Dacian Ciolos, onde trataron diversas cuestións relacionadas coa Política Agraria Común (PAC). A xuntanza tivo como marco a celebración do quincuaxésimo aniversario da PAC, en Bruxelas, e Vilalba estivo xunto a outras persoas que, coma ela, forman parte da Executiva da Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC).

Na reunión, tanto Dacian Ciolos como a ECVC coincidiron á hora de valorar a alta transcendencia do proxecto que se puxo en marcha, dende a Comisión Europea, para regular as marxes de beneficio que obteñen os diversos elos que forman a cadea alimentaria. Para Isabel Vilalba, “isto é fundamental de cara a que os diversos axentes implicados na produción alimentaria poidan vivir dignamente do seu traballo”. Neste senso, na xuntanza tamén se tratou a problemática ligada á volatilidade dos prezos agrarios provocada pola especulación e o impacto directo que está a ter na renda das explotacións labregas. Isabel Vilalba lembrou que, por exemplo, isto se está a traducir nunha escalada imparable no custe dos cereais e, polo tanto, na alimentación animal, “o cal fai minguar aínda máis unhas rendas que, no meirande das explotacións gandeiras, nin sequera cobren os custes de produción”. Para Dacian Ciolos, a solución a este problema pasa por lexislar para dotar de transparencia aos mercados agrarios e aos diversos sectores produtivos.

Outra das cuestións sobre as que falaron Ciolos e a comitiva da Coordinadora Europea da Vía Campesina foi o orzamento da nova PAC e o temor a que sufra tamén as retalladas que xa se deron noutros sectores. O Comisario amosou o seu optimismo de cara a que a nova PAC vaia contar cun orzamento suficiente. Respecto disto, dende a ECVC lle lembraron a Ciolos a importancia de que o meirande deses cartos non sigan engrosando as contas bancarias de grandes terratenentes e empresas; e, pola contra, vaian destinados a apoiar as pequenas e medianas explotacións, que son as que realmente manteñen un mundo rural vivo e habitado e as que xeran postos de traballo e riqueza no campo. 

Isabel Vilalba con Dacian Ciolos