A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Política Europea>
  5. O SLG defende en Bruxelas un control da produción alternativo ante a desaparición do sistema de cotas

O SLG defende en Bruxelas un control da produción alternativo ante a desaparición do sistema de cotas

26 de Septembro do 2013

Isabel Vilalba

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, estivo esta semana en Bruxelas para participar en diversos eventos centrados na análise do sector lácteo europeo e as súas perspectivas de futuro a partir do ano 2015, cando se suprima actual sistema de cotas.

O 24 de setembro, Isabel Vilalba participou na conferencia “O sector lácteo da Unión Europea: desenvolvemento despois de 2015”, organizada pola Comisión de Agricultura e Desenvolvento Rural1. Nesta conferencia estiveron o Comisario de Agricultura, Dacian Ciolos, e varios expertos que analizaron de que xeito afectará a supresión dos controis na produción leiteira comunitaria a partir de 2015.

Segundo adiantou a secretaria xeral do SLG, o comisario de Agricultura, Dacian Ciolos, recoñeceu na súa intervención que o final do sistema de cotas traerá canda si un incremento da produción que podería ocasionar graves desaxustes entre a oferta e a demanda, amais da volatilidade dos prezos, coa posible desaparición da produción leiteira en amplas zonas rurais de Europa onde este sector é o principal motor económico e de xeración de emprego, tal e como ten denunciado reiteradamente a Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC), da que forma parte o SLG.

Pola súa banda, Isabel Vilalba expresou a oposición do Sindicato Labrego Galego, e de todas as organizacións que forman parte da ECVC, á supresión do sistema de cotas sen articular ningún outro mecanismo de control da produción. En efecto, tal e como recoñeceu Ciolos, permitir a produción libre de leite na Unión Europea levará a que explotacións de corte industrial e sobredimensionadas asolaguen o mercado provocando a caída duns prezos que, agora mesmo, nin sequera cobren os custes de produción. Isto suporía a ruína para miles de explotacións de pequena e mediana escala, como a maioría das que existen no noso país, e mesmo de moitas de tamaño máis grande, para as que a produción leiteira deixaría de ser rendíbel nesas condicións.

Un informe da Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG) incide no mesmo: a supresión do sistema de cotas provocará un aumento da produción de leite na Unión Europea do 5% e unha redución dos prezos do 10%, porcentaxes que na Galiza serían superiores2. O caso de Suíza, onde tamén se abandonaron as cotas para producir libremente, é paradigmático: no país helvético aumentou a produción de leite nun 7% e os prezos en orixe sufriron caídas entre o 20% e o 30%.

É obvio que a supresión do sistema de cotas sen articular outro método de control alternativo sería catastrófica para o medio rural daquelas zonas xeográficas comunitarias nas que a produción leiteira é a principal actividade económica, como Galiza ou, a nivel estatal, a Cornixa Cantábrica; e levaría a unha concentración da produción en rexións con granxas máis industrializadas como o norte de Alemaña ou o Reino Unido. Diante destas previsións, Isabel Vilalba Seivane defendeu medidas efectivas que eviten prezos ruinosos e a desaparición de máis explotacións na Galiza e noutras zonas europeas.

A actividade da secretaria xeral do SLG en Bruxelas continuou o 25 de setembro coa celebración dunha xuntanza do Grupo de Traballo do Sector Lácteo da ECVC na que tamén participou.

Comitiva ECVC Comitiva da Coordinadora Europea da Vía Campesina na conferencia do sector lácteo. Isabel Vilalba Seivane é a segunda pola dereita.