A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. O SLG pide a celebración dunha Mesa do Viño en Rías Baixas cuxa convocatoria estaba prevista en primavera

O SLG pide a celebración dunha Mesa do Viño en Rías Baixas cuxa convocatoria estaba prevista en primavera

17 de Xullo do 2014

Mesa do Viño en Rías Baixas

O Sindicato Labrego Galego esixe a celebración urxente da Mesa do Viño en Rías Baixas cando estamos a tan só dous meses da seguinte vendima. Precisamente, un dos compromisos da Mesa do Viño desta denominación de orixe en 2013 foi comezar a traballar no estudo dos custes de produción dende comezos de 2014 de cara a fixar un prezo obxectivo para a uva con suficiente antelación; este traballo previo á vendima axudaría a erradicar o costume de que algunhas adegas merquen a uva sen terlle aínda garantido ou fixado un valor, sometendo ao sector viticultor á chantaxe de aceptar calquera prezo a cambio de que lle leven a produción xa vendimada.

De feito, na última xuntanza da Mesa do Viño en Rías Baixas, quedaramos en reunirnos en marzo ou abril para non ter os problemas que tivemos o ano pasado, cando chegamos á recollida da uva sen ter acordado prezos de base para os contratos homologados. Sen embargo, a día de hoxe, a Consellaría de Medio Rural segue sen convocar aos axentes do sector en Rías Baixas. Ademais, nesas primeiras xuntanzas, Medio Rural comprometeuse a traer estudos de custes que axudasen a traballar sobre uns prezos para a uva que garantisen a cobertura dos custes e unhas rendas dignas da actividade vitícola; estudos dos que, a día de hoxe, non temos noticia algunha.
Outra das cuestións que máis preocupa ao sector é a de buscar fórmulas de financiamento para as adegas que garantan o pagamento da uva en prazo ás explotacións vitícolas e, sobre todo, que eviten impagos como os que teñen acontecido nesta DO, provocando atrasos no cobro da uva de varios anos.
Por todo o devandito, o Sindicato Labrego Galego insta á Consellaría de Medio Rural a convocar con carácter de urxencia a Mesa do Viño en Rías Baixas.

Mesa do Viño en Rías Baixas