A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. "Vén ao rural, traballa as viñas, fai viño... e complícate a vida como nunca pensaches", por Bernardo Estévez Villar

"Vén ao rural, traballa as viñas, fai viño... e complícate a vida como nunca pensaches", por Bernardo Estévez Villar

15 de Xaneiro do 2020

Burocracia

Alguén pode pensar que iso de facer viño, estar entre cepas, non ter horario que te controle (sempre estás traballando, máis control imposible) ser dono do teu, mola, mola moito. E se engadimos que vas ter a hostia de axudas, que dende a Administración ten van guiar, tutelar, formar e aconsellar para que o teu proxecto arrinque, se consolide e poidas quedar vivir na aldea; e, quen sabe, que teñas, se podes e queres, nenos e nenas, e vivas, non sobrevivas, no rural galego, entón mola que te cagas. Pois perdoa por estragar as túas ilusións, pero mellor non penses en todo iso. Mellor, oposita. Pero se, así e todo, teimas e decides pensar neste modo de vida, dálle unha volta ao que che vou contar.

Vexamos cun exemplo real as obrigas para traballar no sector do viño. Poñamos por caso unha pequena adega en calquera das denominacións de orixe galegas, cunha produción media anual dunhas 10.000 botellas, dúas hectáreas de viñedo en produción e unha persoa de alta como traballadora.

Imos centrarnos só nos libros e rexistros que terás a obriga de levar e cubrir para que a túa actividade sexa legal, un traballo que che quedará por facer despois de traballar na viña e na adega, atender pedidos, repartir, facer labores de promoción, asistir a feiras e, por suposto, vivir.

Libros e rexistros para a Consellaría de Sanidade

-APPCC (Análises de Perigos e Puntos de Control de Puntos Críticos). Nese plan que ten que crear para a túa adega un técnico, vas encontrar entre outras moitas cousas unha serie de rexistros que vas ter que cubrir, mesmo algún cada día: rexistro de vixilancia do plan de limpeza e desinfección (cada vez que limpes algo), rexistros de incidencias, ficha de control de cloro residual (semanal), rexistro de control de desratización (mensual), rexistro de verificación das operacións anteriores (mensual).

-Libro de movementos internos na adega: trasfegas, embotellados, filtrados...

-Arquivador de fornecedores: rollas, botellas, etiquetas, produtos de limpeza, etc.

Rexistros e declaracións obrigatorias para a Consellaría de Medio Rural

-Libro de rexistro de entradas e saídas.

-Libro de rexistro de movementos de produtos para procesos enolóxicos.

-Libro de rexistro de embotellados.

-Libro de rexistro de practicas enolóxicas.

-Libro de rexistro de produtos fitosanitarios utilizados na actividade agraria.

-Declaración de colleita ante o FOGGA.

-Comunicación da eliminación de subprodutos na transformación vinícola para o FOGGA.

Axencia Tributaria

-Declaración trimestral de alcohois modelo 553 por vía telemática.

-Sistema de contabilidade e apuntamentos varios en formato papel ou electrónico.

AICA (Axencia de Información e Control Alimentario, Ministerio de Agricultura)

-Declaración bianual de produción e venda de viño por vía telemática.

Consellos Reguladores (analizamos o caso da D.O. Ribeiro)

Non contentos con todo o anterior e dado que o Consello Regulador do Ribeiro acaba de certificarse pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC), e as adegas tamén teñen que certificarse por ENAC, obríganas a levar un complicado sistema de trazabilidade que, por resumilo dun xeito sinxelo, vale para xustificar en papeis o que é inxustificable, sobre todo no tocante á procedencia da uva que entra nas adegas. Falando en prata: con isto as adegas que traen uvas de fóra da D.O. Ribeiro poden branquealas. A maiores, tamén vale para outras cousas, pero esas cousas xa se cubrían antes polo propio consello regulador e polo resto de administracións publicas e de rango superior.

O Manual de Calidade da D.O Ribeiro, que teñen obriga de levar todas as adegas, consta dos seguintes rexistros: Rexistro de tipo de viños que elabora a adega; rexistro de litros que ten a adega, a granel, embotellado, con precinto e sen precinto; libro de rexistro da última numeración de precintos de garantía utilizada.

Ademais, están os rexistros obrigatorios durante a vendima: Rexistro e comunicación diaria vía telemática en folla Excell das pesadas feitas no dia; comunicación individual das pesadas clasificadas por variedades; rexistro do peso das uvas obtidas nas diferentes parcelas da adega ou mercadas a fornecedores; rexistro e comunicación do número de prensadas; rexistro dos rendementos de uva nas diferentes parcelas; rexistro de incidencias de vendima; comunicación do día que se comenza a vendima; comunicación de cando finaliza a vendima; comunicación diaria por vía telemática do lugar de vendima no que se atopará a adega ao dia seguinte; arquivador de rexistro de análises fisicoquímicas dos viños; arquivador de rexistro de análises organolépticas dos viños; libro de rexistro de movementos internos; sistema documental de reclamacións; rexistro de comunicación de embotellados; rexistro de comunicación de solicitude de mostras, etcétera, etcétera.

Bernardo Estévez

E, por se non abondase, no CR do Ribeiro penalizan as castes de uva autóctonas

Aínda que con toda a papelame da anterior páxina non chegamos nin á metade, xa abonda. Pensarás que, polo menos, todo este esforzo burocrático ten un premio: garantir a procedencia e calidade dos nosos viños. Pois é mentira. E das gordas. Se levas ben todo isto, só garantes que cobres ben os papeis. Aquí, nin se pode garantir a procedencia da uva, nin moito menos a súa calidade.

Un bo exemplo témolo na vendima 2019, cando o Consello Regulador do Ribeiro non puxo vedores na maioría das grandes adegas. Durante o proceso de pesado das uvas que traían os fornecedores, ninguén facía a medición de grao alcohólico, nin supervisaba o aspecto e caste de uva entregada (cómpre lembrar que toda aquela uva con menos de 9º de alcohol non é apta para a elaboración de viño, por lei).

Pero isto a min non me importa”, dirás ti, coa inocencia e a ilusión do que comeza cun proxecto nunha das zonas vitícolas máis antigas do mundo. “Eu vou facer as cousas moi ben porque creo nesta terra, na súa sabedoría, nas grandes variedades de uvas autóctonas que se cultivan aquí dende hai centos de anos e que, con moito esforzo, se foron recuperando dende a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) para que todos e todas as cultivemos e fagamos viños singulares cun grande valor engadido”.

Pois amiga ou amigo, e isto que che vou dicir é totalmente certo: o Consello Regulador do Ribeiro penaliza aquelas adegas, grandes, pequenas, colleiteiras, que elaboran viño con variedades autóctonas. Tal e como cho digo. O precinto de garantía que se lle vende ás adegas para etiquetar as botellas e distinguir o viño do Ribeiro é único no seu formato. Se ti na túa adega fas viño con Palomino Jerez ou Garnacha Tintorera, variedades que non son galegas e se implantaron nos anos 1940-50, o teu precinto de garantía custa 0,05432 céntimos de euro; pero se ti nas túas viña traballas con Treixadura, Godello, Caíño Longo, Caíño Redondo, Brancellao, Lado, Ferrol, Caíño Bravo, etc, o precinto de garantía para etiquetar a túa botella de viño do Ribeiro feito con castes autóctonas custa 0,06732 céntimos. E estamos a falar de precintos que non se distinguen un do outro e que non fan ningún tipo de mención ás castes empregadas.

Conclusión: o Consello Regulador do Ribeiro penaliza o cultivo de variedades autóctonas. Visto o visto, sería interesante que alguén da Consellaría do Medio Rural nos explicase por que un consello regulador galego fai promoción de variedades de uva foráneas e discrimina as castes propias.

E con estes exemplos, querido viticultor ou querida viticultora que te ves con toda a ilusión do mundo para poñer en marcha unha pequena adega, apostando polas castes de uvas autóctonas para elaborar un viño único e de calidade nas túas viñas, ánimo e tira para adiante, pero non agardes nada de quen se supón que che debería prestar apoio. E, en todo caso, se a cousa non vai como agardabas, sempre podes opositar.

Viñedos Ribeiro