A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. O Ministerio de Agricultura saca unhas axudas para vendima en verde que exclúen boa parte do sector vitícola galego

O Ministerio de Agricultura saca unhas axudas para vendima en verde que exclúen boa parte do sector vitícola galego

19 de Xuño do 2020

Vendima en verde

O Ministerio de Agricultura vén de informar que xa se poden pedir as axudas para facer vendima en verde como unha das medidas para enfrontar a crise do sector vitícola provocada polo peche da hostalería durante o estado de alarma polo Covid19. Dende o SLG xa temos denunciado que estas axudas non se adaptan á realidade galega pero, ademais, veñen de convocarse nunhas condicións que, probablemente, exclúan a maioría do sector.

En primeiro lugar, poñen un prazo de tan só cinco días, até o 23 de xuño, polo que moi posiblemente boa parte dos viticultores e viticultoras non saiban a tempo desta posibilidade. Pero, ademais, impoñer a obriga de realizar as xestións só por vía telemática tampouco axudará nun rural no que a calidade das telecomunicacións é bastante deficiente.

Polo demais, estas axudas, que foron deseñadas nos despachos de Madrid polo Ministerio de Agricultura, non se adaptan para nada á realidade galega. Para empezar, só amparan viñedos cunha superficie superior aos 3.000 m², co cal exclúe moita viña que non acada ese tamaño (as últimas estatísticas agrarias do Ministerio de Agricultura, de 2015, falan de 30.793 hectáreas de viñedo na Galiza repartidas en 215.240 explotacións, o que nos dá unha superficie media dos viñedos de 1.400 m²).

Ademais, estamos a falar dunha contía moi baixa se pensamos en castes autóctonas e uva de calidade, polas que se teñen apostado fortemente nos últimos anos na Galiza. Se temos en conta os prezos habituais da uva nas nosas denominacións de orixe, as axudas de poda en verde non cubrirían nin a metade do valor das colleitas. As contías da axuda son as seguintes, en función da denominación de orixe e do método de colleita en verde que se aplique para a eliminación total dos acios cando aínda están inmaduros, de maneira que se reduza a cero o rendemento da parcela sen que poidan quedar uvas sen vendimar nela:

Axudas poda en verde

E adicionalmente:

  • Vendima en verde manual (aplicado o 60%) en € / ha: 1.140

  • Vendima en verde manual con contribución en especie (aplicado o 60%) en € / ha: 840

  • Vendima en verde mecánica (aplicado o 60%) en € / ha: 950

  • Vendima en verde química (aplicado o 60%) en €/hectárea: 400

  • Vendima en verde química con contribución en especie (aplicado o 60%) en € / ha: 230

NECESIDADE DE AXUDAS DIRECTAS ADAPTADAS Á REALIDADE DA VITICULTURA GALEGA

Bernardo Estévez, responsábel do Sector do Viño do SLG, explica que estas axudas saen dun decreto “feito para favorecer as zonas produtoras de grandes graneis, como Castela A Mancha ou Estremadura”. Indo máis alá das axudas, Bernardo Estévez subliña a necesidade de que se implique a Consellaría de Medio Rural creando axudas propias para Galiza adaptadas á realidade do noso sector vitivinícola e, ademais, como mediadora para garantir uns prezos dignos. “O que teñen que garantir as diferentes administracións é que os viticultores e viticultoras profesionais teñan garantidos uns ingresos mínimos para poder pasar esta campaña e ter a capacidade de seguir coa actividade nos vindeiros anos. Da mesma maneira que se está axudando ao sector do turismo ou do automóbil, cómpre axudar ao sector vitícola no seu conxunto, e aí entramos os viticultores e as viticultoras como base da cadea. Nese senso, a Consellaría de Medio Rural ten moito que dicir e aportar pero, a día de hoxe, aínda non temos ningunha medida de calado para apoiarnos”.

Pola súa banda, Xosé Manuel Parente, coordinador do SLG nas comarcas do Ribeiro e Valdeorras, concreta que “precisamos un plan propio galego con medidas que realmente sexan efectivas e garantan a supervivencia da nosa viticultura. Hai que habilitar unha axuda directa ás explotacións, tendo en conta o prezo medio da uva das últimas tres campañas, para garantir a renda dos viticultores e viticultoras”. Ademais, “a Consellaría de Medio Rural ten que implicarse para que nesta campaña non quede uva sen recoller, con axudas tamén ás adegas que recollan a uva e cumpran cos prezos”.