A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. Denunciamos a explotación laboral e o espolio de recursos naturais da agroindustria SUREXPORT na Terra Chá

Denunciamos a explotación laboral e o espolio de recursos naturais da agroindustria SUREXPORT na Terra Chá

18 de Agosto do 2021

surexpor180821

Organizacións galegas articulamos unha fronte común aberta para denunciar a explotación laboral e a destrucción medioambiental da empresa onubense EUROEXPORT na Terra Chá. Iniciamos mobilizacións repartindo información na feira de Castro Ribeiras de Lea e concentrándonos diante da sede desta agroindustria no Polígono de Castro.

Dende mediados do mes de xullo diversas organizacións galegas* estamos a articular unha fronte común aberta para denunciar as graves prácticas que a empresa onubense SUREXPORT -agroindustria que acapara o sector da produción privada de froitos vermellos con plantacións en Kenia, Marrocos, Portugal e o Estado español- está a operar na Terra Chá.

Condicións laborais miserentas, acaparamento de terras e contaminación de augas e solos son algunhas das denuncias das que nos vimos facendo eco a fin de alertar á cidadanía e á Administración desta nova ofensiva da agricultura agroindustrial contra o noso medio rural.

Abondando nesta denuncia, na mañá de hoxe procedemos ao reparto de medio milleiro de panfletos informativos na feira de Castro Ribeiras de Lea (Castro de Rei, Lugo). Acción informativa a pé de rúa á que lle seguiu unha concentración diante da sede que SUREXPORT ten en Castro, secundada por máis de medio cento de persoas.

Alí representantes das organizacións convocantes manifestaron o seu rexeitamento á explotación laboral e á vulneración dos dereitos das persoas que se están a cometer nos campos de traballo de Surexport. "Dicimos ‘Non!’ a que baixo ameazas se forcen xornadas de 12 horas diarias, cun salario inferior ao estipulado por convenio, a que se negue o dereito a unha alimentación digna, a unha hixiene digna ou un trato digno ás persoas traballadoras, a maioría delas migrantes que, desprazadas dende outros campos de traballo que a empresa ten en Huelva e outros lugares, son mesmo privadas do dereito a unha vivenda digna".

Aliás, incidiron, é totalmente falso que Surexport xere riqueza ou traballo na Terra Chá. Lonxe de o crear, destrúe emprego local e expulsa xente labrega ao impedir ás pequenas produtoras o acceso á terra. "A maiores de destruir emprego e contribuir ao despoboamento das zonas rurais e ao peche de explotacións agrarias e gandeiras, os postos de traballo que xera son precarios e temporais e non permite fixar poboación na zona onde se asenta".

Pero a agroindustria non só explota ás persoas, tamén espolia os recursos naturais das poboacións nas que se instala. O modelo destrutor de Surexport, baseado na produción intensiva, non só non produce alimentos de calidade, senón que é perxudicial para os ecosistemas e o medio ambiente, debido ao constante uso de produtos agroquímicos e o inxente gasto de recursos como a auga que esixe este tipo de produción.

As mobilizacións realizadas na mañá de hoxe foron completadas cunha denuncia rexistrada na Subdelegación do Goberno, na que solicitamos que ca maior celeridade posible sexa posta en marcha unha investigación exhaustiva por parte das administracións competentes (Subdelegación do Goberno, Inspeción de Traballo e Consellería de Emprego) ao respecto do trato que SUREXPORT está a infrinxir contra as persoas empregadas -na súa meirande parte procedentes de África-, así coma os seus impactos medioambientais e estratexia de acaparamento de terras agrarias.