A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. Galiza prepara a súa postura diante da reforma da OCM do viño

Galiza prepara a súa postura diante da reforma da OCM do viño

30 de Xullo do 2007

OCM Viño

Medio Rural convocou unha mesa sectorial a escala nacional para adoptar unha posición de acordo diante deste novo reto.

O 7 de xuño, Xosé Manuel González Vilas e Manuel Docampo asistían, como representantes do Sindicato Labrego, á xuntanza dunha Mesa do Viño nacional na que se debateu a postura galega diante da Organización Común de Mercado (OCM) deste sector. O encontro estivo presidido polo director xeral de Produción Agroalimentaria, Antonio Oca. Na reunión, o SLG amosou a súa sintonía co meirande das emendas presentadas por Medio Rural á reforma da OCM, e valorou positivamente de que se fixese dun xeito consensuado. 

Así, Docampo e Vilas expresaron o seu acordo coa defensa da vitivinicultura como unha actividade rendíbel que permita o asentamento no medio rural, coa simplificación das normativas, coa defensa dun modelo europeo de vitivinicultura de calidade, e coa substitución do arranque de viñedos (200.000 hectáreas en cinco anos na UE) por un proceso de reestruturación. Tamén consideraron bo para o sector o feito de que se desenvolva unha OCM específica para a vitivinicultura, dotada economicamente, na que se axuntan a innovación coas tradicións e a diversidade rural.

Así e todo, os representantes do sector vitivinícola do SLG tamén fixeron ver as súas reservas co documento a debate. Por exemplo, contémplase que os orzamentos se destinen ás zonas vitícolas, o cal resulta abondo ambiguo. Vilas e Docampo propuxeron que se especifique que os cartos deben investirse no propio sector vitivinícola.

Outro aspecto preocupante sinalado polo SLG foi a liberalización das plantacións e a eliminación do límite mínimo de grao alcohólico; isto último podería legalizar que se considerasen como viño as bebidas procedentes da uva con menos de 9’5º que, a día de hoxe, están consideradas como refrescos vínicos.

Vilas e Docampo tamén foron críticos co feito de que as axudas á comercialización só estean previstas para os países de fóra de Europa, reservando para os comunitarios o financiamento de campañas que potencien o consumo con moderación. Ademais, amosaron o seu rexeitamento coa orientación actual da OCM que, de manterse igual, suporía a fin das denominacións de orixe como garantes de calidade e impediría camiñar cara a un modelo europeo de vitivinicultura de calidade.

En canto ao calendario de desenvolvemento da OCM do viño, o 4 de xullo está previsto que a Comisión Europea faga pública a súa postura formal sobre a reforma. O 23 de xullo, o Ministerio de Agricultura fará unha conferencia sectorial sobre o tema e, posiblemente, no primeiro semestre de 2008, a Unión Europea adoptará a nova OCM para o sector. Antes de todo iso, a Consellaría de Medio Rural terá que recompilar as posicións do debate do 7 de xuño para fixar a posición galega nesta cuestión transcendental para o sector.