A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. O SLG considera que a creación da I.X.P. “VIÑEDOS DE ESPAÑA” será un atentado ao noso modelo de vitivinicultura de calidade

O SLG considera que a creación da I.X.P. “VIÑEDOS DE ESPAÑA” será un atentado ao noso modelo de vitivinicultura de calidade

20 de Xullo do 2009

o noso viño

Esta medida supón un atentado ao noso modelo de viticultura de calidade baseado na terra, nos microclimas, nas variedades autóctonas e nos rasgos culturais propios, que sumado a medidas como a liberalización das plantacións e ás axudas á promoción en países terceiros (extracomunitarios), no marco da OCM vitícola, suporán a desaparición de boa parte da vitivinicultura de calidade.

O Goberno do Estado pretende aprobar este verán unha Orde pola que se recoñece e regula a indicación xeográfica “Viñedos de España” para os viños con dereito á mención tradicional “viños da terra” producidos nunha zona xeográfica delimitada.

Neste borrador do proxecto inclúense todos os términos municipais onde consten viñedos inscritos nos rexistros vitícolas das Comunidades Autónomas de: Andalucía, Aragón, Illes Balears, Canarias, Castilla-La Mancha, Catalunya, Extremadura, Madrid, Región de Murcia, Foral de Navarra (exceptuando 8 concellos) e a Comunidad Valenciana.

Lembramos que a constitución desta Indicación Xeográfica comezou no 2006, dándolle marcha atrás no 2007 a Comisión Europea, fallando logo desfavorábelmente a Audiencia Nacional en xullo do 2008 o recurso presentado polo Goberno da Rioxa.

 Valoramos positivo que dentro dos territorios que pretende amparar non se inclua Galiza, pero no SLG estamos totalmente en contra da creación desta I.X.P., así como de denominacións mais amplas que o que poden ser zonas/comarcas de produción tradicional recoñecidas, con un microclima, con características do solo, variedades e prácticas culturais comúns que definan parámetros de calidade a protexer.

Esta medida supón un atentado ao noso modelo de viticultura de calidade baseado na terra, nos microclimas, nas variedades autóctonas e nos rasgos culturais propios, que sumado a medidas como a liberalización das plantacións e ás axudas á promoción en países terceiros (extracomunitarios), no marco da OCM vitícola, suporán a desaparición de boa parte da vitivinicultura de calidade.

 É unha cesión, parte da social democracia española, ás grandes multinacionais do viño, que son quenes levan tempo presionando no sentido de darlle aos viños de mesa aspecto de viños de calidade e viños controlados, aínda que só sexa como imaxe para vestir viños de baixa calidade.

No SLG sabemos que non hai xeito de controlar tanto territorio e de establecer parámetros de calidade de lugares tan diferenciados e tan distantes. Polo que o único interese das grandes empresas do sector é facerse co mercado do viño e rematar coas pequenas e medianas empresas que fan viño de calidade baixo a garantía das Denominacións de Orixe.
Trátase de crear confusión aos consumidores/as e de acabar coas denominacións de orixe e coas verdadeiras Indicacións xeográficas protexidas.

Un exemplo claro do que suporá esta medida a nivel de confusión témolo en Catalunya onde hai dez D.O. de viño e unha de cava, superpostas por outra “Denominación de Orixe Catalunya” (que abrangue todo o territorio) e agora estaría todo elo superposto pola IXP “Viñedos de España”. De xeito que calquera viñedo e adega desta comunidade poderá contar con tres mencións de calidade.

Ademais esta medida quérese aprobar nun momento onde existen axudas no marco da OCM vitícola para a promoción en países terceiros (non comunitarios) polo que en territorios lonxanos as grandes compañías do viño, cos cartos de todos, poderán facerse máis facilmente co mercado desprazando as denominacións de orixe ao competir con prezos baixos e cunha marca máis fácil de identificar, dende o punto de vista xeográfico, nestes mercados sen cultura vitivinícola.

A consecuencia desta medida vai ser a baixada do prezo do viño, pero non a costa da gran distribución como reclamamos no SLG, senón a costa da baixada do prezo da uva, nuns anos con baixadas fortes no consumo, onde o Estado Español é excedentario.

O SLG solicita de todas as institucións, dos consello reguladores das denominacións de orixen e de todo o sector a súa oposición a esta medida tan lesiva para o sector vitivinícola galego.