A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. O Sector produtor de uvas non está disposto a seguir financiando á industria elaboradora.

O Sector produtor de uvas non está disposto a seguir financiando á industria elaboradora.

19 de Xaneiro do 2010

uvas

A Xunta de Galiza vén de publicar no DOG unha resolución segundo a cal ábrese unha liña de financiamento específica para produtores/as de uvas, por medio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e as entidades financieiras adheridas. No caso de impago será o vendedor/a de uvas quen terá que devolver este anticipo do IGAPE, máis os xuros.

A Xunta de Galiza vén de publicar no DOG de 12 de xaneiro de 2010, a Resolución do 5 de xaneiro do 2010 segundo a cal ábrese unha liña de financiamento específica para produtores de uvas*, por medio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e as entidades financieiras adheridas.

Este foi un mecanismo articulado polo anterior goberno da Xunta (do bipartito) para potenciar ante as adegas a implantación dos contratos homologados, que estivo paralizado na anterior campaña.

A Xunta establece agora este sistema para que os viticultores/as que vendemos uvas para a vinificación a adegas embotelladoras, que tiveran subscritos contratos homologados na pasada vendima do 2009, podamos solicitar este crédito e así poder dispoñer dos nosos cartos, das uvas que xa entregamos en setembro/outubro de 2009, antes do 31 de marzo do 2010.

Con este mecanismo os vendedores/as de uvas financiamos ás adegas, constando como axuda ao vendedor/a (segundo a lei de MINIMIS) e facendo de avalista do que debe a adega, xa que no caso de impago será o vendedor/a de uvas quen terá que devolver este anticipo do IGAPE, máis os xuros.

Permitiría a Xunta este abuso de tratarse do sector do automóbil? Articularía unha liña de crédito para que os concesionarios vendedores de coches puideran cobrar, da que se faría cargo o vendedor/a á hora de responder ante o banco do impago do coche, computándolle como axuda ao vendedor/a e sen ningunha responsabilidade polo comprador/a?

O Sindicato Labrego Galego non está disposto a permitir que se sega a abusar dos labregos e labregas, polo que estamos a estudar a interposición dun recurso contra esta Resolución, que é contraria ao dereito mercantil.

Seguiremos loitando ate conseguir que as uvas se paguen aos 90 días da súa entrega.

 

 *Arquivo para descarregar:

Resolución do 5 de xaneiro, DOG de 12 de xaneiro de 2010

Apertura dunha liña de financiamento específica para produtores/as de uvas

 

Ficheiro adxunto