A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. Para que empresa está feita a subvención da castaña?

Para que empresa está feita a subvención da castaña?

6 de Maio do 2010

castanha

A Deputación provincial de Lugo, “consciente da importancia de que se modifiquen os modelos de explotación tradicionais, por modelos de explotación rendibles, que funcionen con criterios empresariais”, ven de publicar no B.O.P. do 27 de abril unha liña de axudas para a promoción e desenvolvemento sostible dos soutos de castaños e a comercialización da castaña e outros froitos forestais, á que só poden acceder microempresas e PEMES.

De entrada, dende o Sindicato Labrego Galego preguntámonos por que a Deputación exclúe a explotación tradicional dos soutos, e cales son os criterios que fan que, dende o seu punto de vista, só as empresas poidan levar a cabo esta actividade.

Ademais, é moi preocupante como vai repercutir nas propietarias e propietarios dos soutos, que malia a ser produtores/as e mantedores/as destas masas singulares do país, quedan relegados/as nesta regulamentación á obrigatoriedade de que a empresa formalice con eles e elas un compromiso polos terreos que se verán afectados.

Durante os tres anos de duración do proxecto, que é o que van percibir os labregos e labregas a cambio de que unha empresa xestione e comercialice as castañas dos seus soutos? Será unha participación na iniciativa, un aporte económico ou un enganoso acordo de limpeza do souto a cambio da súa explotación?

Cando remate a vixencia do convenio que asinará a entidade adxudicataria coa Deputación provincial de Lugo e despois da inversión realizada pola empresa, cal é o destino dos soutos en produción?

Para que empresa está feita esta subvención?

Por outra banda, e observando os requisitos para concorrer á concesión da axuda, dende o SLG plantéxasenos a dúbida de saber cal será a empresa con “experiencia e solvencia demostrable no ámbito da produción de froitos silvestres, a súa transformación e/ou a súa comercialización e capacidade para levar a cabo as actividades obxecto desta liña de axudas” que teña “como mínimo un capital social que cubra o importe das axudas”, que opte á concesión das mesmas, xa que no prazo de 20 días ten que presentar, entre outra documentación,

  1. -Proxecto de desenvolvemento no que se reflictan os obxectivos a acada, metodoloxía de traballo, cronograma de posta en marcha, actividades a emprender, etc...

  2. -Orzamento detallado, descomposto por partidas, e facturas proforma que o sustenten.

  3. -Estudo técnico-económico de viabilidade dos investimentos e do seu financiamento.

  4. -Licenza de obra provisional, e cualificación urbanística da parcela, así como proxecto ou anteproxecto da mesma, no caso de realización de construcións.

  5. -Conseguir o compromiso de propietarios/as dos terreos de máis de 50 ha par o primeiro ano, máis de 75 ha para o segundo e máis de 100 ha para o terceiro.

En definitiva, que se trata dunha ambiciosa e intrigante convocatoria de subvención co fin de favorecer a competitividade e desenvolvemento empresarial, aportando 700.000 € para a realización de estudos de mercado, a construción de naves e oficinas, a instalación de viveiros, a merca de vehículos e medios informáticos; enmascarado baixo o título de “Valorización ambiental, social e económica dos recursos propios do medio rural”.

Dende o SLG, cuestionamos as políticas de desenvolvemento que apostan por favorecer ás empresas e industrias na contra de apoiar ás persoas moradoras do rural e polo tanto mantedoras do seu entorno.

Segundo a Deputación de Lugo, as persoas que fan “un modelo de explotación tradicional”, moitas veces complemento importante da renda familiar, non son quen de verse favorecidas polas súas estratexias de cara á “valorización “ do medio rural , ese medio rural no que algunhas e algúns vivimos tódolos días.

 

*Arquivo pra descarregar: BOP Lugo

Ficheiro adxunto