A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. SLG e COAG coinciden en que os contratos homologados e un prezo digno son imprescindíbeis para a supervivencia do sector da pataca

SLG e COAG coinciden en que os contratos homologados e un prezo digno son imprescindíbeis para a supervivencia do sector da pataca

4 de Novembro do 2010

Congreso da pataca

O Seminario Estatal sobre o sector da Pataca, que se celebrou en Xinzo de Limia (Ourense), o 3 de novembro, organizado pola Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG) e o Sindicato Labrego Galego (SLG), chegou ao seu remate concluíndo que os produtores e produtoras do Estado, sexan de onde sexan, teñen uns problemas semellantes. Así o expresaron participantes no evento vidos de comunidades como Castela e León ou Euskadi.

Neste senso, a responsábel do sector da pataca do SLG, Manola Cerredelo, denunciou que as explotacións pataqueiras galegas, nomeadamente as da Limia, están nunha situación límite, pois “se este ano repetimos uns valores coma os do ano 2009, con prezos en orixe entre 4 e 8 céntimos por quilo, teremos que pechar”. Trátase de prezos ruinosos se os contrastamos cos custes de produción (fertilizantes, carburantes, semente, etcétera), que ascenden a 12-15 céntimos por quilo de pataca producida (sen incluír o traballo dos produtores e produtoras).

 Tanto o responsábel do sector da pataca de COAG, Alberto Duque, como Manola Cerredelo, coincidiron á hora de sinalar como peza clave para a supervivencia do sector a creación de contratos homologados que fixen un prezo xusto para a pataca que, cando menos, cubra os custes de produción e deixe unha marxe de beneficios digna nas explotacións.

 O seminario tamén serviu para identificar algunha das principais debilidades do sector da pataca no Estado, que tamén se padecen en Galiza: a inexistencia, a nivel europeo, dunha Organización Común de Mercado e, polo tanto, carencia de axudas especificas para a pataca; ausencia dunha interprofesinal na que estean representados todos os axentes do sector para debater e decidir nas cuestións que lles afecten; ou a segmentación das persoas que producen no sector, debido a que existen moi poucas iniciativas de asociacionismo ou cooperativismo que reforcen a súa posición.

 Dous exemplos a seguir que se citaron no seminario foron o de Francia, país onde o sector da pataca conta cunha organización interprofesional (CNIPT) e relacións comerciais fixadas a través de contratos homologados obrigatorios; ou o caso de Álava, onde existe un fondo de compensación para cubrir a diferencia entre os prezos de mercado e os custes de produción en caso de que os segundos superen aos primeiros.

 No caso galego, Cerredelo subliñou a necesidade de que a Administración, tanto a Xunta como o Ministerio de Agricultura, se impliquen na solución das carencias devanditas. Ademais, reclamou máis promoción por parte da Xunta da pataca producida no país, especialmente da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia, fronte a invasión de produto foráneo.

Congreso da pataca