A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. O SLG aposta por un modelo social nas cooperativas vitivinícolas fronte á tendencia á industrialización e a pór o lucro por riba das persoas

O SLG aposta por un modelo social nas cooperativas vitivinícolas fronte á tendencia á industrialización e a pór o lucro por riba das persoas

6 de Novembro do 2010

Xornadas do viño

O Sindicato Labrego Galego vén de celebrar, no día de hoxe -sábado, 6 de novembro-, unha xornada nacional do sector do viño que estivo centrada na importancia socio-económica do cooperativismo para manter un medio rural vivo. As máis de cen persoas que asistiron, de todas as rexións vitivinícolas galegas, puideron escoitar experiencias de primeira man como a do proxecto “Solaina Minei”, no Ribeiro; ou o da adega cooperativa Montagnac, da rexión francesa Languedoc Rosellón.

Trala inauguración da xornada a cargo da Secretaria Xeral do SLG, Carme Freire, interviñeron Antonio Nieves e Xaime Méndez, impulsores do proxecto “Solaina Minei” no lugar d'As Bouzas, en Castrelo de Miño. Por mor desta iniciativa, toda unha zona que estaba condenada a morrer a causa do envellecemento da poboación  e do abandono da actividade agraria, volve hoxe latexar grazas á unión da veciñanza nunha sociedade limitada e á concentración das súas terras para convertelas e mantelas como viñedo.  Así, no que ata hai pouco eran 700 parcelas, no meirande delas abandonadas, hoxe temos unha única superficie de 30 hectáreas, das que xa se plantaron 24 con viñas, a cargo de 58 socios e socias. Ademais, o mantemento desta explotación precisa de tres postos de traballo fixos, amais dos varios eventuais que cómpren nas épocas de máis traballo, dinamizando económica e socialmente unha zona, ata o de agora, deprimida.

Antonio Nieves e Xaime Méndez 

En canto a Serge Azais, trátase dun viticultor francés membro da Confédération Paysanne (organización que, coma o SLG, pertence á Vía Campesina) que é administrador e tesoureiro dunha das adegas cooperativas máis grandes do mundo, Montagnac, na rexión de Languedoc Rosellón, con 2.300 hectáreas de viñedo e unha produción de 260.000 hectolitros e 20 millóns de botellas. Azais achegou o exemplo de como unha cooperativa de dimensións moi grandes, que podería ter caido de xeito doado nunha evolución cara a un modelo industrial, foi quen de non perder nunca o seu sentido de motor social e económico da bisbarra. Isto fíxose grazas a unha aposta clara por crear postos de traballo ben remunerados na zona (40 traballadores e traballadoras cun salario de 2.000 euros/mes), por manter unhas relacións humanas moi estreitas entre as persoas asalariadas e @s 600 socios e socias, por utilizar métodos ecolóxicos de cultivo e por practicar unha vitivinicultura de calidade ligada á terra e ás persoas que a fan posible. Mesmo en problemáticas como o relevo xeracional, a cooperativa xestiona a compra e traspaso aos socios e socias con menos superficie daqueles viñedos que, trala xubilación do propietario ou a propietaria, queda sen ninguén que os traballe. Así, a adega Montagnac é un claro exemplo de aposta pola calidade fronte á cantidade, de como reverter a riqueza xerada pola viticultura dunha zona na súa dinamización socio-económica dándolle garantías de futuro ao seu desenvolvemento.

Serge Azais 

Estes exemplos ilustran o modelo de vitivinicultura e de cooperativismo polo que aposta o Sindicato Labrego Galego como alternativa á tendencia a industrializar o sector que manteñen algunhas cooperativas e adegas galegas. Disto falou, xa no serán, o responsábel do sector do viño do SLG, Manuel Docampo, que defendeu unha viticultura de calidade como garantía duns prezos dignos para a uva, fronte á pretensión dalgunhas adegas, como Martin Códax no caso de Rías Baixas, de aumentar os rendementos da uva sen máis razóns que o xustificase có puro lucro e beneficio, sempre por riba de criterios como a calidade ou o prestixio da denominación de orixe.

Para o Sindicato Labrego, só se pode admitir a excepcionalidade cando haxa parcelas que superen a súa produción permitida, e sempre e cando o aumento só afecte a esas parcelas e as producións cumpran cuns parámetros de calidade. Autorizar maiores rendementos, aínda sen existir eses excesos, supón a posibilidade legal de permitir a entrada de uvas foráneas en Rías Baixas, práctica que o SLG rexeita por ser fraudulenta; e a de que se impoñan prezos máis baixos para a uva excedentaria, tendencia que pode levar a unha desvalorización e desprestixio das nosas uvas.

Xornada nacional do viño