A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. O Congreso da Pataca do SLG reclama estabilidade e prezos dignos para o sector

O Congreso da Pataca do SLG reclama estabilidade e prezos dignos para o sector

17 de Marzo do 2011

Congreso da Pataca

O Sindicato Labrego Galego celebrou, o 17 de marzo, o seu Congreso da Pataca en Xinzo de Limia no que, amais de renovar responsábel e directiva para o sector, reafirmouse, tamén, na defensa das explotacións labregas e familiares que seguen a traballar neste sector. A nova Dirección Nacional da Pataca do SLG, que se elixiu de maneira asemblearia, estará coordinada de novo por Manola Cerredelo, produtora de pataca de Sandiás que xa ocupou esta reponsabilidade durante os últimos catro anos; e por Juan José Penín, produtor de pataca de Lamas (Xinzo de Limia), como vicerresponsábel.


Manola Cerredelo

Algúns dos problemas que se identificaron no relatorio aprobado no Congreso da Pataca foron: Aumento constante das importacións de pataca foránea que provoca unha situación de prezos á baixa permanente, marxes comerciais abusivas entre os cartos percibidos polos labregos e labregas e os pagados no punto de venda, escasas iniciativas de asociacionismo que converten ao sector nun colectivo feble e fragmentado diante dos demais axentes da cadea comercial, contratos que non ofrecen ningunha garantía de prezo, ou gran dependencia das importacións para a pataca de sementeira que está a provocar serios problemas sanitarios.

Un bo exemplo do devandito tivémolo na colleita do ano 2009, que se pagou a prezos de miseria que non cubriron nin os custes de produción (entre 4 e 8 céntimos o quilo), valores que caeron até un 50% con respecto ao prezo fixado dos contratos por mor dos descontos aplicados polos almacenistas, e que acadaron marxes de beneficio que superaron o 1.000% nas superficies comerciais.

Diante deste contexto, a Dirección da Pataca do SLG asumiu os retos fixados no relatorio do Congreso como directrices para o seu traballo nos vindeiros catro anos. Entre as reivindicacións a defender están:

  • Apostar pola pataca de calidade e polo mercado interno galego como principal destino da mesma como vía para acadar prezos remuneradores e estables para o sector.

  • Demandar da Administración que incentive medidas de apoio de cara a que produtores e produtoras se asocien de cara a comercializar directamente as súas producións e de cara a desenvolver industrias de transformación propias.

  • Contratos homologados e voluntarios que fixen un prezo para a pataca que cubra os custes de produción e unha marxe de beneficio digna para as explotacións.

  • Establecemento de responsabilidades legais na pataca de semente para que asuman as perdas provocadas pola mesma os provedores e, a maiores, potenciar a produción de semente de pataca galega de calidade para reducir os custes que supón importala.

  • Dende unha perspectiva máis global, a Dirección da Pataca do SLG defenderá, no contexto da Política Agraria Común (PAC), a constitución dunha Organización Común de Mercado (OCM) para a pataca. A súa inexistencia fai que este sector agrario careza de axudas e da máis mínima regulación na Unión Europea. Precisamente, a regulación do sector da pataca é indispensable de cara a garantir unhas rendas dignas dos labregos e labregas que traballan nel, e para frear a especulación e abaneos de prezos que padece o sector.

    Congreso da pataca 2

    Congreso da pataca 1