A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. Galiza xa ten Lei de prevención e defensa contra os lumes forestais

Galiza xa ten Lei de prevención e defensa contra os lumes forestais

30 de Marzo do 2007

Gráfico da lei de lumes

Medio Rural publicou en abril a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais, cuxos obxectivos son actuar nos montes e áreas próximas mediante o tratamento axeitado da biomasa residual, protexer os asentamentos rurais contra os incendios, regular os aproveitamentos e as repoboacións forestais, incentivar a creación de unidades de xestión sustentábeis, e regular a redacción dos diferentes plans de prevención e defensa. No presente texto adiántase un resume da equipa técnica de Frouma.

A lei estrutura a defensa do espazo rural fronte aos incendios forestais a nivel galego, de distrito, municipal e inframunicipal. Para iso, desenvolveranse tres plans distintos, subordinados uns aos outros: o plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza (PLADIG), o plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito (PLADID), e o plan de prevención e defensa contra os incendios forestais municipal (PLADIM). Estes plans complementaranse con planeamentos particulares para agrupacións de propiedades.

A lei tamén fala de infraestruturas preventivas, formadas polas redes de defensa contra incendios. Son as redes de faixas de xestión da biomasa, mosaico de parcelas de xestión da biomasa, rede viaria forestal, rede de puntos de auga, rede de vixilancia e detección de incendios e outras infraestruturas de apoio á extinción. As infraestruturas preventivas e os terreos necesarios para a súa execución poderán ser declarados de utilidade pública.

As edificacións e instalacións situadas en zonas de alto risco de incendio, e máis as de nova construción situadas a menos de 400 metros do monte que non teñan continuidade coa trama urbana, terán que deixar ao redor unha faixa de 50 metros limpa de vexetación seca e coa masa arbórea aclarada; manter o terreo non edificado e o viario de titularidade privada libres de vexetación seca e coa masa arbórea aclarada; adoptar medidas especiais de autoprotección do edificio, pasaxe e contención do lume; e dispor dunha rede de hidratantes homologados.

Outro punto interesante ten que ver coas normas á hora de facer repoboacións forestais. Neste senso, as especies de alta combustibilidade e inflamabilidade deben gardar unha distancia de 50 metros a vivendas e instalacións, e de 100 metros no caso de querer obter axudas. A lei contempla como especies altamente inflamábeis diversas castes de piñeiro (pinaster, sylvestris; radiata e Psedotsuga menziessii), as mimosas, o eucalipto, a queiruga, a carqueixa, a xesta, a uz, o piorno, o fento, a silva e o toxo.

O resto de especies deberán gardar 10 metros a vivendas e instalacións perigosas, que aumentarán a 25 metros se son industrias e instalacións perigosas. Todas as especies deben deixar 10 metros a terreos de especial protección agropecuaria. As plantacións xa existentes teñen un prazo de dous anos para adaptarse á nova normativa.

Ademais do devandito, a lei prohibe as repoboacións en solo urbano, en núcleos rurais, e en zonas dedicadas a leiras, cultivo, prados ou pastos, con independencia da súa cualificación urbanística. Prohíbese o depósito de biomasa residual, cortiza, estelas, etcétera, nas redes primarias e secundarias e nos mosaicos de parcelas de xestión de biomasa, agás os lugares expresamente autorizados por licenza municipal. Durante os meses de xullo, agosto e setembro, só será permitido o amoreamento en cargadeiro de biomasa forestal residual, estelas, cortiza, resina e todo tipo de restos agrícolas, se se deixa unha franxa de 25 metros sen vexetación ao redor das moreas.

Acceso restrinxido a zonas de risco

Co obxectivo de garantir a defensa contra os incendios forestais e de facilitar a ordenación dos montes, promoverase a reorganización do espazo forestal mediante dous sistemas: unidades de xestión forestal e agrupacións de propietarios e propietarias forestais. 

A nova lexislación tamén regula o acceso a zonas segundo o risco diario de incendio. Estará prohibido o acceso, a circulación ou a permanencia naquelas zonas en que o risco é moi alto ou extremo, en áreas forestais ou naturais, en áreas sinaladas con limitación de actividades, así como nos camiños forestais, rurais e vías que as atravesan. En zonas de risco alto, ficarán prohibidos os traballos con maquinaria sen dispositivos de retención de faíscas e antilapas ou equipamento para a extinción de lumes, a realización de actividades non forestais nin agrícolas, ou a circulación con vehículos motorizados polos camiños forestais, rurais ou vías que as atravesan. En zonas de risco moderado ou alto, haberá obriga de identificarse diante das autoridades. Faranse excepcións coas persoas residentes, propietarias e produtoras forestais; cando non haxa outra alternativa de acceso; coas áreas recreativas debidamente equipadas; coa circulación en autoestradas, autovías e estradas da rede estatal e autonómica e cos medios oficiais e de emerxencia.

Será obrigatorio comunicar a queima de restos agrícolas en terreos forestais ou en zonas de influencia forestal; e ter autorización para queimar restos forestais en terreos forestais ou agrícolas e para facer queimas controladas en matogueiras, praderías, cercados ou similares.

Durante a época de perigo alto, será obrigatorio que os tractores, máquinas e vehículos de transporte pesado sexan dotados con dispositivos de retención de faíscas e de dispositivos antilapas nos tubos de escape. Ademais, deberán estar provistos de equipamento para a extinción de incendios.

Tamén se precisara autorización para a aradura dun terreo forestal con vistas a implantar cultivos agrícolas ou pasteiros. Se nos tres anos anteriores á solicitude se ten producido un lume, a autorización darase excepcionalmente.

O aproveitamento de pastos nos terreos forestais estará regulado expresamente no instrumento de xestión forestal do monte.

Finalmente, precisarase autorización para o aproveitamento da madeira queimada. Prohíbese o pastoreo en terreos queimados durante dous anos logo do lume, agás acreditación de perdas de difícil reparación ou inexistencia de alternativas na mesma comarca. Tamén se prohibe a caza en áreas queimadas durante tres anos.