A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. A crise dentro da crise

A crise dentro da crise

30 de Agosto do 2011

Non hai imaxe

Os labregos e labregas de horta da comarca de Compostela estamos baixo mínimos, os prezos están tan baixos, que moitas persoas nos plantexamos si seguir plantando e producindo alimentos ou si gañariamos máis parados/as en espera de tempos mellores.

A situación é insoportable, este verán chegamos a prezos en orixe escandalosos: o kilo de tomate a 10 cts e a leituga a 0,20 cts! E algunhas veces incluso a distribución ameazaba con non levarnos o produto porque seica “non ten saída”. Quere dicir isto que se non se consumen tomates, leitugas, ou outras hortalizas na nosa Comarca? Non, o problema está no modelo alimentario que nos están impondo tanto á poboación labrega como aos consumidores e consumidoras.

A crise E. Coli, que tamén nos afectou, a baixada do consumo, ou a precocidade e volume das colleitas, son circunstancias que poden funcionar de agravantes desta situación. Non obstante, as verdadeiras causas destes prezos hai que buscalas, para o Sindicato Labrego Galego, nas políticas agrarias actuais que permiten prácticas produtivas e comerciais totalmente agresivas para a produción labrega. A entrada de hortalizas de fóra con prezos por debaixo dos custes de produción, a xa habitual práctica do dumping social, está arruinando á poboación labrega e hipoteca o seu futuro produtivo.

Dende o Sindicato Labrego Galego, queremos sinalar a falsedade do chamado prezo de mercado, que non é mais que unha arma para deixar fóra ás explotacións labregas, a pequena e mediana produción. Se hai abandono, deixase o terreo libre para que os especuladores de alimentos obteñan todas as ganancias que cobizan. Controlar a alimentación é un grande negocio, mais, a costa de quen? Da poboación labrega? Da saúde das consumidoras e consumidores? Do noso medio? Da explotación de terceiros países e da súa poboación?

Defendemos a soberanía alimentar como modelo: para defendernos da dependencia alimentaria, para que as labregas e labregos teñamos unha renda real e digna, para que a cidadanía galega controle a súa alimentación e non caia en mans da especulación, que hoxe tira os prezos e o día de mañá os pode pór inalcanzables para a maioría da poboación.

Mentres a circulación de alimentos a nivel internacional e o “libre” comercio se manteña, os gobernos, como mínimo, teñen a obriga de garantir as regras de xogo, e de tentar que haxa unha harmonización nas condicións de produción a nivel social e ambiental. Dende o Sindicato Labrego Galego defendemos a idea dun prezo mínimo que cubra os custes de produción e que remunere a produción de alimentos cunha renda digna. Este obxectivo, coa lexislación actual, pasa por unha política activa dos gobernos para aplicar a prohibición da venda a perdas e o control da entrada de produtos de fóra a baixo prezo.

Os labregos e labregas da comarca de Compostela temos dereito a alimentar ás persoas que nela viven, e todas as persoas deberiamos ter o dereito de coñecer e controlar o noso modelo de alimentación. Os gobernos locais e a Xunta de Galicia, non pode quedar impasible ante o peche cada vez máis rápido de explotacións agrarias, maña será tarde e estamos a xogar con algo básico, a comida.
Por iso facemos un chamamento á cidadanía para que se mobilice polo dereito a unha alimentación sá, de calidade e con futuro, que pasa irremediablemente, por un modelo de produción local, protagonizada polas pequenas e medianas explotacións labregas. A cidadanía ten que poder decidir que, como e de onde quere comer, e non deixalo en mans dos mercados, que é o mesmo que deixar a comida en mans da gran distribución e das multinacionais que están a provocar a fame no mundo e que en calquera momento poden provocala no noso propio País.

Como primeiro acto, facemos un chamamento a acudir ao Mercado Reivindicativo que se vai celebrar na Alameda de Compostela o próximo 4 de setembro a partir das 10:30 da mañá. Alí labregas e labregos de todo o país xuntarémonos para reivindicar o noso papel de produtoras e produtores de alimentos e venderemos directamente os nosos produtos para cultivar novas relacións de proximidade e confianza coa sociedade.