A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. O Sindicato Labrego reclama que se deteña o proceso de regularización de viñas na Ribeira Sacra

O Sindicato Labrego reclama que se deteña o proceso de regularización de viñas na Ribeira Sacra

20 de Septembro do 2011

Ribeira Sacra

O Sindicato Labrego Galego, diante das novas que están aparecendo sobre os problemas de sobreprodución na denominación de orixe Ribeira Sacra, quere deixar claro que non está a favor dun incremento lineal dos rendementos máximos por hectárea. O SLG Non cre que sexa un problema xeneralizado e, en todo caso, o consello regulador debería facer un control en campo previo á vendima co fin de velar pola calidade e determinar cales son as parcelas que poden ter un exceso, cal é o motivo deste exceso e facer recomendacións previas. Na Ribeira Sacra temos que apostar por unha viticultura de calidade, posto que non é posible competir con ningunha zona en cantidade.

Outro problema ben distinto, e que se está mesturando, é que moitos viticultores e viticultoras se están atopando coa desaparición de parcelas que antes figuraban no papel de produción que envía o consello regulador. Nos casos que detectou o Sindicato Labrego, trátase de persoas que non teñen actualizado o rexistro vitícola e que teñen parcelas a nome dos seus ascendentes, por exemplo. Son parcelas con cota, que están dentro do consello regulador, perfectamente legais. Trátase dun problema burocrático que se pode solucionar facendo os cambios oportunos. O que non entende o Sindicato Labrego é por que o consello regulador non avisou aos sindicatos agrarios e aos viticultores e viticultoras de que este ano ían facer esta criba. Deste xeito, hai moita xente que, cando ve o papel, pensa que lle desapareceron quilos de uva, cando o que desapareceu foi superficie. O SLG cre que non se pode presentar un problema coma este en plena vendima e que non saiba del ninguén até que chega unha información do consello regulador que , en moitos casos, aínda non chegou.

Chama a atención que o consello regulador da denominación de orixe Ribeira Sacra comece coa regularización das plantacións antes de que saia publicado o decreto que regula o potencial vitícola, decreto que se atopa en fase de redacción despois de pasar polo Consello Agrario onde, a proposta do Sindicato Labrego Galego, quedou comprometida a Consellería de Medio Rural a non permitir que se perdan dereitos de plantación de viñedo e a regularizar o catastro vitícola, entre outras cuestións.

Por todo o devandito, o Sindicato Labrego Galego reclama que quede sen efecto a regularización feita polo consello regulador de Ribeira Sacra até que non se publique e entre en vigor o decreto da Xunta que regula o potencial vitícola e que se faga o novo catastro segundo este decreto. A maiores, o SLG pide, de aquí en diante, unha maior transparencia nas medidas que tome o consello regulador da Ribeira Sacra e que afecten directamente aos produtores e produtoras de uvas.