A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. O Sindicato Labrego Galego considera inasumible a proposta das industrias para a D.O. Rías Baixas

O Sindicato Labrego Galego considera inasumible a proposta das industrias para a D.O. Rías Baixas

12 de Abril do 2012

Rías Baixas

O Sindicato Labrego Galego quere desmentir certas informacións publicadas por medios de comunicación nas que se anunciou un acordo, ou preacordo, na denominación de orixe Rías Baixas de cara a fixar os prezos da uva e as condicións de compravenda para os vindeiros tres anos.

En efecto, en Rías Baixas estamos nun proceso de negociación pero, a día de hoxe, non existe ningún tipo de acordo. Polo de agora, o único que temos é unha proposta da industria consistente en atallar o problema dos excedentes produtivos na denominación de orixe reducindo o rendemento global da D.O. Rias Baixas e baixando os prezos da uva. É dicir, que viticultores e viticultoras produzan menos uvas e máis baratas.

Para o responsable do Viño do SLG, Bernardo Estévez, “esta proposta é inasumible, xa que carga todo o peso á hora de solucionar o problema no sector produtor. Estamos abertos a un proceso de negociación, pero a proposta da industria non resolve o problema. A industria ten que asumir que se baixamos os rendementos, entón se aumentará a calidade da uva e, polo tanto, deberían manterse estables os prezos do ano pasado ou mesmo subir. O contrario sería penalizar a aposta por unha maior calidade e castigar as rendas das explotacións. O normal e lóxico sería que as explotacións asumisen a súa parte do problema, producindo menos; e as industrias a súa, pagando mellor as uvas para compensar a baixada de rendementos e o aumento de calidade”.