A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. O SLG seguirá defendendo prezos dignos e uva de calidade en Rías Baixas fronte á posición da industria e da AGV

O SLG seguirá defendendo prezos dignos e uva de calidade en Rías Baixas fronte á posición da industria e da AGV

3 de Maio do 2012

Acios

A Mesa do Viño da D.O. Rías Baixas, que se celebrou o 3 de maio en Pontevedra, rematou sen acordo de contrato e coas negociacións rotas debido á postura pechada que mantiveron o sector industrial e a Asociación Galega de Viticultura (AGV), entidade vinculada á Federación Rural Galega (Fruga).

A última xuntanza da Mesa do Viño de Rías Baixas deixara sobre a mesa catro propostas que se ían debater hoxe: a do Sindicato Labrego Galego (SLG), a de Xóvenes Agricultores (XXAA), a da AGV e a da industria. A gran sorpresa que se produciu hoxe foi que a industria asumiu a proposta da AGV.

Fronte a elas, o SLG chegou a unha postura común coas outras organizacións agrarias (XXAA e UUAA) encamiñada a fixar uns prezos dignos para a uva que permitan traballar nas viñas con criterios de calidade fronte á produción de grandes cantidades a baixo prezo, que é o que defenden as industrias e a AGV.

A pesares de que se tentou ceder nalgunhas franxas de prezo para chegar a un acordo conxunto sen prexudicar as rendas de viticultores e viticultoras, nin as industrias nin AGV cederon, polo que a Mesa do Viño de Rías Baixas se saldou sen ningún tipo de acordo respecto aos prezos e ao contrato, e sen chegar a debaterse os prazos de pagamento.

Dende o Sindicato Labrego Galego, lamentamos a cerrazón das industrias e da AGV, e oporémonos a que impoñan as condicións de compravenda que defenderon hoxe na Mesa do Viño, que prexudican gravemente ao sector produtor e só benefician á industria. Fronte a iso, o SLG seguirá defendendo unha produción baseada na calidade e en prezos para a uva que cubran os custes de produción e xeren rendas dignas para os e as profesionais da viticultura.