A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. O SLG pide a participación da Consellaría de Medio Rural para solucionar os impagos das adegas en Rías Baixas

O SLG pide a participación da Consellaría de Medio Rural para solucionar os impagos das adegas en Rías Baixas

23 de Xaneiro do 2013

Rias Baixas

O Sindicato Labrego Galego vén de rexistrar un documento diante da Consellaría de Medio Rural para reclamar a súa participación á hora de solucionar o problema dos impagos que están a sufrir centos de viticultores e viticultoras de Rías Baixas que seguen sen cobrar a uva vendimada en 2011.

Aínda que as culpables destes impagos son adegas como Gran Bazán, Núñez Andión, Lagar da Condesa ou Sucesores de Benito Santos; a Xunta debe responsabilizarse na solución deste problema. Para empezar, moitas das persoas afectadas polos impagos asinaron un contrato homologado en 2011 para vender a uva, polo que o seu cumprimento debería estar garantido pola Administración. Ademais, non debemos esquecer que a Lei contra a Morosidade obriga a pagar os produtos perecedoiros no prazo máximo dun mes. Neste senso, o costume das adegas de pagar a vendima un ano e pico despois da súa compra é flagrantemente ilegal, e as axudas do Igape destinadas a adiantar os cartos ás explotacións vitícolas estarían avalando unha práctica delictiva. Antes, as adegas pedían préstamos para poder pagar a uva que mercaban sen ter que agardar a vender o viño; sen embargo, hoxe prodúcese unha situación inaceptable na que os propios viticultores e viticultoras son os responsables dos préstamos destinados a pagar a mesma uva que eles mesmos venden, de maneira que non só non cobran polo produto do seu traballo, senón que custean e avalan o financiamento das adegas que se lucran transformando os seus acios en viño.

Por todo isto, dende o Sindicato Labrego Galego pedimos un encontro co secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, e co director xeral de Produción Agropecuaria, Xosé Álvarez Robledo, para reclamar a participación directa e urxente da Consellaría de cara a solucionar de xeito permanente un problema no que, unha vez máis, a parte indefensa e agredida da cadea comercial volven ser os labregos e as labregas.