A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Agricultura>
  4. O SLG pide a convocatoria urxente da mesa do viño en Rías Baixas diante da situación crítica do sector viticultor

O SLG pide a convocatoria urxente da mesa do viño en Rías Baixas diante da situación crítica do sector viticultor

4 de Xuño do 2013

Albariño

O Sindicato Labrego vén rexistrar unha petición diante da Consellaría de Medio Rural para que convoque, con carácter de urxencia, a mesa do viño na denominación de orixe Rías Baixas. Os motivos principais desta petición teñen que ver con que, estando a poucos meses da vendima deste ano, segue habendo entre as máis de 6.000 familias que viven da viticultura nesta D.O. unha forte sensación de incerteza diante dos impagos de varias adegas con respecto á uva mercada en 2011 ou por descoñecer os prezos de cotización da uva para este ano.

En efecto, na actualidade son moitos os e as profesionais da viticultura en Rías Baixas que aínda están agardando a que lles paguen a vendima do ano 2011, nun contexto no que todos os custes relacionados coa súa actividade se dispararon, especialmente os relacionados con insumos como o gasóleo, os abonos e fertilizantes ou os fitosanitarios. Esta situación na que moitas explotacións acumulan case dous anos sen ingresar nin un céntimo, e cos gastos da súa actividade polas nubes, fai que moitas estean pensando en abandonar esta profesión por ser pouco rendible ou, directamente, ruinosa.

Nestas circunstancias, non se entende que a Consellaría de Medio Rural non convocase aínda a mesa do viño nesta denominación de orixe, de maneira que, a día de hoxe, o sector non sabe se vai a haber contratos homologados, e descoñece os prezos de referencia aos que se cotizará o seu traballo ou se a Administración vai articular medidas para evitar que certas adegas sigan mantendo os seus impagos con total impunidade.

Por todo o devandito, o Sindicato Labrego Galego agarda que a Consellaría de Medio Rural convoque nos vindeiros días a mesa do viño en Rías Baixas pois, en caso contrario, esta organización agraria veríase na obriga de emprender outras medidas de presión para acadalo.