A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Prevención de Riscos Laborais>
  4. Riscos específicos para as mulleres>
  5. Os riscos laborais específicos para as mulleres labregas

Os riscos laborais específicos para as mulleres labregas

1 de Xuño do 2011

Non hai imaxe

Como é sabido, no sector agrario os traballos nas explotacións teñen unhas características propias moi diferenciadas das do resto dos sectores, sendo as máis importantes: A gran dependencia da estacionalidade, que provoca un ritmo de traballo esixente; predominio de labores que requiren esforzo físico, repetitivas e sometidas ás inclemencias do tempo; e, no caso da agricultura convencional, a exposición a determinados produtos químicos como fertilizantes e fitosanitarios. Neste Fouce, analizaremos como se traduce isto nos riscos específicos para as labregas.

En 2007, a Axencia Europea para a Seguridade e Saúde no Traballo elaborou o informe “As cuestións de xénero en relación coa seguridade e saúde no traballo” e entre as súas conclusións destacan as seguintes:

As mulleres sofren máis estrés laboral, enfermidades infecciosas, trastornos das extremidades superiores, enfermidades da pel así como asma e alerxias; mentres que os homes sofren máis accidentes, dores de costas e perdas da capacidade auditiva.

  • A planificación do traballo, a súa organización e as ferramentas e equipos que se utilizan soen basearse no modelo do “traballador medio”, aínda que a lexislación da Unión Europea consagra o principio de adaptar o traballo aos traballadores e traballadoras.

  • É necesario estudar as diferenzas de xénero sobre os accidentes e as enfermidades laborais para eliminar as lagoas no coñecemento deste tema.

    Atopamos na Lei de Prevención unha falta de atención á especificidade do sector agrario e, dentro desta, unha grande falta de atención ás particularidades da muller labrega.Esta situación provoca un efecto aínda máis preocupante, e é que ao basearse os labores de prevención nos requirimentos dunha lei que non está adaptada ás particularidades das mulleres labregas, a falta de protección específica das traballadoras agrarias non ten por que ser obxecto de prevención ou, chegado o caso, de sanción. No deseño das políticas de prevención hai unha visión claramente patriarcal que fai que non se consideren as características específicas do organismo das mulleres e se deseñen moitas veces medidas que non están adaptadas.

Cómpre ter en conta que a falta de recoñecemento legal de moitas mulleres no agro tamén está a incidir no feito de que non sexan consideradas a nivel de estudar os impactos reais sobre a súa saúde e tomar, en consecuencia, as decisións pertinentes en materia de prevención de riscos laborais. Avanzar na súa visibilidade e recoñecemento legal será tamén unha medida importante a nivel de prevención, do mesmo xeito que unhas políticas que garantan o recoñecemento e a remuneración axeitada para o seu traballo, posto que o desenvolvemento deste en condicións precarias tamén é un factor de risco fundamental (ferramentas ou máquinas en malas condicións, tempos de traballo excepcionalmente longos, sobrecarga física e psíquica, dobres ou triples xornadas laborais…).           

RISCOS ESPECÍFICOS

Factores como os niveis de carga, os equipos de protección individual, a protección da maternidade, as enfermidades laborais ou a conciliación familiar deben ser postos en práctica atendendo ás circunstancias de cada unha das traballadoras.

A singularidade das traballadoras agrarias maniféstase sobre todo en tres grandes focos de atención:

1. Cargas e ritmos de traballo     

Os labores nas explotacións, como xa se ten apuntado, acostuman incluír un proceso físico determinado que, na maioría dos casos, adoita ser esixente. Os procesos de carga deben estar, na medida do posible, adaptados aos traballadores e traballadoras para non provocar lesións ou enfermidades laborais de diferente consideración.

Todo empregador/a e traballador/a deben saber que, en termos xerais, os valores recomendados destas cargas son:

-Peso máximo recomendado para unha carga.

(Valores recomendados segundo o “Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene” INSHT)

-En xeral.............................................................................................................................25 Kg

-Mulleres embarazadas, menores de 18 anos e maiores............................................................15 Kg

-Persoas adestradas (situación illadas e excepcionais)..............................................................40 Kg

As mulleres poden ser máis sensibles que os homes a contraer lesións debido aos excesos de carga dada a súa complexión física. Por suposto, isto é así nos períodos de pre-maternidade, nos que entrarían dentro do apartado de ”traballadores con maior protección”, pero tamén de xeito máis xeral en calquera proceso de carga e descarga..

Para adaptar os ritmos de carga ás necesidades e aos traballadores/as é preciso: planificar as necesidades, establecer os ritmos de traballo, adaptar a eses ritmos as caracaterísticas das traballadores/as e establecer ritmos de carga decrecentes, se é factible.

2. A maternidade  

A maternidade é un dereito de todas as mulleres. Dadas as especiais características do seu desenvolvemento existen unha serie de obrigas legais destinadas a protexelas.

A lei avala ás traballadoras e ofrécelles un marco para que os seus dereitos sexan respectados e o seu posto de traballo non corra perigo, á vez que permite desenvolver a súa actividade con normalidade. Esta protección a nivel legal é máis difícil de levar adiante para as traballadoras por conta propia, pero as labregas deben saber que todos os dereitos que cobren a maternidade no traballo de forma xeral son perfectamente aplicables no seu caso.

En ocasións, durante o traballo agrario prodúcense situacións nas que, aínda sen ser plenamente manifesto, existe un perigo latente para a nai e o feto. Por iso é completamente imprescindible:

Que a muller embarazada comunique (no caso de traballar por conta allea) o seu estado ao empresario co fin de que este, en base ao seu plan de prevención de riscos, realice unha avaliación.

No caso de que se detecte que existe perigo, o empresario deberá, cando sexa factible, cambiar de posto á traballadora, e de modo máis xeral, substituír aquilo que, dentro dos labores da traballadora, comporte algún risco, por algo que non comporte ningún.

3. O risco das vibracións e dos ruídos  

Vibracións:

É de especial importancia evitar nos desprazamentos e traballo con máquinas un exceso de ruídos e de vibracións, cuxas consecuencias poden ser de especial gravidade durante o embarazo, chegando mesmo, en casos extremos, a supoñer situacións de abortos ou partos prematuros.

Ruídos:

Outro dos riscos físicos mais perigosos e frecuentes é a exposición a fontes de ruído, (por exemplo, determinado tipo de maquinaria agrícola ou de transformación e tratamento dos produtos). Os elevados niveis sonoros que provocan estas máquinas, especialmente cando a exposición é prolongada e continuada no tempo, pode mesmo ter consecuencias para a muller e para o feto, polo que cómpre evitar a exposición prolongada e estas fontes de ruído.

4. Posturas e condicións meteorolóxicas

Movementos/posturas.

En traballos de longa duración e de posturas forzadas, é de vital importancia evitar a posición de pé ou sentada sen repousos e sen cambios de postura. A permanencia excesiva en posturas forzadas durante o embarazo, e a consecuente ausencia de repousos, ten suposto un incremento de abortos, partos prematuros e de diminución do peso do acabado de nacer.

Traballos no interior.

As mulleres que traballan en espazos pechados deben evitar a exposición a monóxido de carbono procedente de motores, tabaco, etcétera. Esta exposición pode afectar ao feto con efectos tóxicos.

Traballos no exterior.

É de especial importancia evitar a exposición á calor, sobre todo para que non se produzan situacións de deshidratación. Por outra banda, tamén hai que evitar o frío intenso e os cambios bruscos de temperatura (especialmente durante o embarazo e a lactación).

Manexo de praguicidas, fertilizantes e outros produtos químicos.

No tocante aos riscos químicos e biolóxicos para as mulleres, cómpre facer especial fincapé nos produtos perigosos e nas substancias químicas que se manexan nos tratamentos fitosanitarios.

O uso e manexo destes produtos especialmente perigosos durante o embarazo, posparto e lactación debe ser evitado ao longo dos citados períodos, moi especialmente cando así o sinale o manual de instrucións e a ficha de seguridade de tales produtos.

Son ben coñecidos os grandes riscos da exposición a praguicidas especialmente en etapas cruciais do desenvolvemento humano: etapa fetal, infancia e adolescencia, maternidade,… Estas substancias poden penetrar a pel das mulleres e pasar ao sangue, e, por medio desta, atravesar a placenta e chegar ao feto. Diferentes estudos relacionan o uso destes produtos con baixo peso dos bebes, graves malformacións dos nenos e das nenas e aumento dos abortos espontáneos, cancro…