A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Medio Rural denega as axudas para criar razas autóctonas de gando ao 85% das explotacións solicitantes

Medio Rural denega as axudas para criar razas autóctonas de gando ao 85% das explotacións solicitantes

20 de Febreiro do 2014

Cachena

A Consellaría de Medio Rural vén de consumar un auténtico esperpento coas axudas destinadas ao fomento de sistemas de produción de razas gandeiras autóctonas en réximes extensivos, publicadas no DOG do 11 de abril de 2013, ao denegarlle a subvención a 907 explotacións, o que supón o 85% das solicitantes.

O motivo principal desta denegación masiva é o drástico recorte de fondos para fornecer estes apoios económicos (para 681 explotacións, o 75% das que se lles denegaron a axuda, o motivo da súa exclusión foi “extinción do crédito”). Cómpre non esquecer que esta convocatoria se fixo a finais de 2012 e tivo que ser suspendida pola propia Consellaría “debido a que na data do 28 de decembro de 2012 non constaba ningún ingreso efectivo polo dito concepto no Tesouro da Xunta de Galicia por parte do Ministerio de Agricultura”. En xaneiro, o Ministerio ingresou os cartos, pero dos 350.000 euros con que se contaba inicialmente, houbo que conformarse con 237.872, segundo pon na orde do 11 de abril.
    Estas axudas naceron no ano 2008 para apoiar a aquelas explotacións que apostan pola cría de gando de razas autóctonas durante un período de 5 anos; a cambio da subvención, as granxas beneficiarias tiñan que cumprir unha serie de requisitos ambientais e de benestar animal. As sucesivas convocatorias de cada ano só debían renovar o compromiso das explotacións con eses requisitos para poder cobrar. Sen embargo, os fortes recortes orzamentarios deixan agora ao meirande das explotacións que tiñan dereito a cobrar a axuda sen un céntimo por mor da falla de fondos para cubrir os compromisos. Cómpre lembrar que estas axudas beneficiaban, sobre todo, a familias gandeiras de zonas desfavorecidas de montaña en Lugo e Ourense que son o único motor económico de amplas bisbarras do noso rural que, sen esta actividade gandeira, estarían deshabitadas.
    No contexto actual, no que os custes de produción de todas as actividades gandeiras están sometidos a unha alza imparable, e os prezos en orixe estancados ou á baixa, o meirande das explotacións dependen máis que nunca de axudas públicas coma estas para ter liquidez e uns ingresos suficientes para continuar coa súa actividade.

    Dende o SLG condenamos este novo recorte que afonda nas agresións que está a sufrir un dos nosos sectores agrogandeiros máis vulnerables e as formas en que se fixo. Supón un desprezo e unha burla para todo un sector que se convoquen unhas axudas, se obrigue a centos de explotacións a realizar todos os trámites e gastos necesarios para presentarse a elas e, tras anular e volver recomezar o proceso a comezos de 2013, se deixe fóra ao meirande das solicitantes por falla de fondos.