A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. As prácticas mafiosas das industrias lácteas só se poderán erradicar coa reforma da Lei da Cadea Alimentaria

As prácticas mafiosas das industrias lácteas só se poderán erradicar coa reforma da Lei da Cadea Alimentaria

13 de Marzo do 2014

CNMC

O Sindicato Labrego Galego quere expresar as súas reservas diante da decisión da Comisión Nacional de Mercados e da Competencia (CNMC) de ampliar o expediente sancionador a varias industrias leiteiras galegas por intercambiar información e chegar a acordos para repartirse o mercado e fixar os prezos do leite (accede ao comunicado da CNMC aquí).

Estas reservas fundaméntanse en que, dende hai moitos anos, é precisamente a CNMC a que torpedea sistematicamente calquera solución ou medida política para rematar con estas prácticas mafiosas da industria. Así o fai sempre que, nas mesas do leite ou na Interprofesional Láctea, se negocia para acadar prezos xustos no sector; ou así o fixo ao impedir que a Lei da Cadea Alimentaria prohibise vender por baixo dos custes de produción. Cómpre lembrar que a CNMC, lonxe de ser un organismo independente, forma parte do organigrama do Ministerio de Economía e os seus cargos son elixidos polo partido gobernante.

Que as industrias lácteas teñen prácticas habituais como repartirse as explotacións que lles fornecen de materia prima, pactar prezos entre elas ou impoñer valores ao leite por baixo dos custes de produción, é algo que dende o SLG e todo o sector levamos denunciando décadas sen que a CNMC fixese nunca nada salientable por evitalo. Se as nosas denuncias non abondaban, tamén estaban as de organismos oficiais como os consellos da competencia de Galiza e Cataluña, o Grupo de Alto Nivel para a elaboración do paquete lácteo da Unión Europea ou o Consello Económico e Social Europeo; todos eles xa teñen chamado a atención sobre as prácticas devanditas. Que a CNMC amplíe o expediente sancionador ás industrias lácteas xusto agora, na véspera dunhas eleccións europeas nas que o máis probable candidato do Partido Popular sexa o actual ministro de Agricultura, Miguel Arias Cañete, semella un lavado de cara de quen levan toda a vida permitindo a extorsión empresarial no sector leiteiro e, cando menos, é unha decisión sospeitosa.

Impoñerlle multas ás industrias sancionadas non só non vai solucionar o problema, senón que podería acabar repercutindo negativamente nas explotacións, pois as empresas afectadas poderían pensar en baixar o prezo do leite para compensar as sancións nos seus libros de contabilidade. Ademais, este expediente esquece a outro dos actores fundamentais na extorsión ás explotacións lácteas: a distribución. E é que as grandes cadeas de supermercados, con prácticas que deberían ser ilegais como a venda de leite a perdas como reclamo, teñen boa parte da responsabilidade dos prezos de miseria que as industrias pagan ás explotacións. Se o Goberno realmente quere facer algo útil polas explotacións lácteas, que reforme a Lei da Cadea Alimentaria para prohibir as prácticas da industria que agora sanciona a CNMC e poña couto ás ilegalidades da distribución; calquera outra medida non pasa de brinde ao sol que botará máis incerteza e inseguridade nas nosas explotacións.

Negociacións coas industrias

Xuntanza entre as organizacións agrarias, cooperativas, Consellaría de Medio Rural e as industrias para negociar unha saída á última crise de prezos no sector lácteo. 26 de novembro de 2012, Compostela