A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O SLG reuniuse co xefe de Sanidade Animal da Xunta para mellorar a loita contra a tuberculose bovina na Galiza

O SLG reuniuse co xefe de Sanidade Animal da Xunta para mellorar a loita contra a tuberculose bovina na Galiza

10 de Xuño do 2014

Veterinario

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, e o responsable dos Sectores Gandeiros na Executiva do SLG, Adolfo Cabarcos, mantiveron, o 9 de xuño, un encontro de traballo co xefe do Servizo de Sanidade Animal da Consellaría de Medio Rural, Jesús Orejas. O motivo principal desta xuntanza, solicitada polo SLG, foron os problemas que está habendo coa actual campaña de saneamento gandeiro na Galiza e, en concreto, coa aparición de focos de tuberculose bovina en lugares onde nunca antes houbo positivos e mesmo en explotacións que non adquiriron gando novo.

Trátase dun problema que xa se deu no ano 2013, cando dos 43 focos de tuberculose bovina detectados, 32 foron brotes novos, algo difícil de explicar cando xa levamos vinte anos de campañas anuais de saneamento gandeiro no noso país, co correspondente sacrificio de animais que presentaron algunha sintomatoloxía.

Algunhas das cuestións que máis preocupan ao SLG nesta problemática é a presenza da enfermidade en estado latente en animais que non amosan síntomas de tela, o cal pode favorecer os contaxios; ou os falsos positivos debido á presenza de micobacterias, que poden provocar unha sintomatoloxía semellante á da tuberculose no gando bovino. Neste sentido, o SLG pediulle á Consellería que empregue medidas complementarias, como probas que descarten a presenza doutras patoloxías como a tuberculose aviar, de comportamento totalmente diferente, ou diagnoses que axuden a sacar á luz casos de animais silentes, transmisores que non se manifestan.

Por outra parte, pediuse que se evite marcar positivos dubidosos que suporían os sacrificio de animais sans, facilitando a realización de novas probas aos 45 días e reforzando o estudo pormenorizado dos casos e as estatísticas de seguimento da enfermidade para termos as máximas garantías.

Outro dos temas nos que incidiu o SLG foi na necesidade de que a Consellería de Medio Rural garanta que a empresa Tragsega poña suficientes medios humanos e materiais nas campañas de saneamento, Esta demanda xurdiu tras comprobar que nos primeiros días de campaña, cando menos, houbo visitas a explotacións dun só veterinario, cando o habitual é que vaian dous. O SLG salientou a enorme presión que reciben estes facultativos por parte da empresa para inspeccionar un número mínimo de animais diario, cando en ocasións as explotacións visitadas están moi afastadas ou teñen unha gran dimensión territorial ao estar réxime extensivo, o cal aumenta a dificultade do traballo e afecta negativamente á cobertura do control sanitario cando o persoal veterinario é escaso e insuficiente.

Diante desta situación e tendo en conta que no presente ano aínda non saíu a orde para regular as indemnizacións por sacrificio, Isabel Vilalba e Adolfo Cabarcos pedíronlle a Jesús Orejas a activación dunha serie de medidas indispensables se realmente queremos erradicar a tuberculose bovina da cabana gandeira galega sen que as campañas de saneamento poñan en perigo a viabilidade das explotacións afectadas por positivos:

1. Que a Consellaría de Medio Rural poña os medios materiais necesarios para facer as campañas de saneamento con plenas garantías. Entre estes medios estarían a elaboración de estudos para obter datos estatísticos que permitan facer as campañas co máximo rigor e evitando falsos positivos; ou a realización de probas sanguíneas para detectar a enfermidade en estado latente.

2.  Que se reforce o papel do persoal veterinario das oficinas agrarias comarcais na diagnose dos casos positivos de tuberculose, pois  trátase de facultativos que teñen unha ampla experiencia no tema e coñecen a fondo as explotacións da súa bisbarra. O saneamento debe seguir sendo unha campaña de control obrigatorio e público para ter as garantías axeitadas. Agora mesmo, o informe e proposta de positivos fainos a empresa Tragsega e, para o SLG, aumentaría a fiabilidade do proceso cunha participación máis activa dos veterinarios comarcais.

3.   Que se indemnice suficientemente ás explotacións afectadas por un sacrifico obrigatorio de reses. Para o SLG, as táboas de valoración son moi baixas e comprometen o futuro das granxas afectadas cando deben repoñen os animais. Para isto, é necesario que se elabore unha nova táboa para fixar unhas indemnizacións cuxa contía se corresponda co valor real das reses. A maiores, cómpre buscar a máxima axilización nos pagamentos, pois deles depende a viabilidade e liquidez das explotacións inmobilizadas por positivos.