A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. A Cooperativa La Arzuana debe até catro meses de entregas de leite ás súas explotacións socias

A Cooperativa La Arzuana debe até catro meses de entregas de leite ás súas explotacións socias

26 de Septembro do 2014

Alimentos Lacteos

O Sindicato Labrego Galego denuncia, unha vez máis, a situación de impagos que padecen os socios e socias da Cooperativa La Arzuana, por parte da directiva da mesma. Dende esta organización agraria temos constancia de gandeiros e gandeiras a quen se lles deben até catro meses de entregas, xusto nunha conxuntura moi difícil na que os prezos non pararon de caer ininterrompidamente dende xaneiro, con valores medios na actualidade ao redor dos 30 céntimos por litro para o caso desta cooperativa, o que fixo minguar moito os ingresos nas granxas.

Dende o SLG responsabilizamos da crítica situación que están a vivir as explotacións afectadas tanto á Consellaría de Medio Rural, como á directiva da cooperativa. Medio Rural e a Xunta de Galicia son culpables por acción, ao promover por motivos políticos a constitución de Alimentos Lácteos para xestionar a factoría de Leite Pascual en Outeiro de Rei, con cooperativas como La Arzuana, un negocio que remataría por arruinalas a todas; e tamén é culpable por omisión, pois a pesares de ser a ideóloga dunha cacicada que lle custou varios millóns de euros ao erario público, non fixo nada por paliar a crítica situación na que deixaron a un milleiro de explotacións lácteas e a varias cooperativas gandeiras.

Por desgraza, as que están a pagar os pratos rotos son as explotacións que foron arrastradas a esta desastrosa aventura polos políticos da Xunta e da directiva da súa cooperativa. Diante da vergoñenta pasividade da Consellaría de Medio Rural, dende o Sindicato Labrego Galego poñemos a disposición dos gandeiros e gandeiras afectad@s os nosos servizos xurídicos para prestarlles o asesoramento necesario. De cara a informar ás persoas afectadas polos impagos, o SLG celebrará unha xuntanza o vindeiro mércores, 1 de outubro, na súa sede en Arzúa (rúa Padre Pardo nº 24, 1º D (xunto ao local de Extension agraria), ás 15:30 horas.

A maiores, se a actual conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, ten a decencia que non tivo o seu predecesor no cargo, Samuel Juárez, debería emprender accións para obrigar á cooperativa a pagar ás explotacións acredoras e para paliar a difícil situación pola que están a pasar e da que, como xa dixemos, son responsables tanto a Xunta como o departamento que ela dirixe.