A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. A nova Dirección da Carne xa prepara as eleccións á IXP Tenreira Galega

A nova Dirección da Carne xa prepara as eleccións á IXP Tenreira Galega

30 de Abril do 2007

Congreso sobre a carne

O órgano do SLG foi renovado nun congreso en Sarria ao que asistiron gandeir@s de toda Galiza

Desta vez tocoulle á vila lucense de Sarria ser a sede do último dos congresos sectoriais do Sindicato Labrego Galego preparatorios para o sétimo. Agora, habían ser produtores e produtoras de carne de vacún de toda Galiza quen se reunirían, o 28 de abril, para renovar a súa dirección nacional para os vindeiros catro anos. Malia non elixiren aínda á persoa responsábel deste órgano, xa se van poñer a traballar nas eleccións ao consello regulador da IXP Tenreira Galega, que se celebrarán o 1 de xullo. 

Amais de elixir á dirección do sector, o congreso serviu tamén para debater un relatorio no que se analizaba polo miúdo a situación e problemáticas deste eido da nosa gandería, e se establecían propostas de acción e estratexias para facerlles fronte.

Así, o relatorio congresual achegou datos moi interesantes, como a discriminación que sufre Galiza no reparto dos dereitos para cobrar axudas en concepto de vacas nutrices. Cun censo oficial de 260.000 vacas e preto de 15.000 produtores e produtoras, Galiza ten o 27% de vacas aleitantes do Estado pero só o 8% dos dereitos para cobrar axudas por elas. Mentres que en Galiza a media destes dereitos é de 8 por explotación, no resto do Estado triplícase e chega a 25 (algunha comunidade ten unha media de 60 dereitos por explotación). Isto fai que, na Galiza, só o 50% das vacas aleitantes perciban a prima que lles corresponde, cun Ministerio de Agricultura que leva máis de catro anos sen distribuír os dereitos que ten na reserva. Todo isto agudizouse por mor da fuga de dereitos dende as explotacións que pecharon en Galiza cara a outras comunidades do Estado, como Estremadura ou Castela e León, propiciada pola especulación.

Outras problemáticas do sector analizadas teñen que ver co impacto das sucesivas reformas da Política Agraria Común (PAC), que marcaron unha tendencia á baixa dos prezos da carne que se agudizou coa crise das vacas tolas, e da que comezamos a recuperarnos dende o ano pasado, cando empezaron a subir. Agora, a principal ameaza para o valor da nosa carne vén das importacións a baixo prezo de países como Arxentina e Brasil, que poden producir a 2 euros por quilo en canal. Mentres que a Organización Mundial do Comercio (OMC) teima en que se eliminen todos os aranceis para que poida entrar esta carne libremente en Europa, o que suporía o desmantelamento e destrución do sector en toda a Unión, para o SLG segue sendo vital manter un sistema de aranceis que protexa ás nosas explotacións disto.

Prezos, terra e dereitos entre as principais demandas do SLG para o sector

En canto ás propostas do Sindicato Labrego para o sector, foron varias: unha renda agraria que veña duns prezos dignos e non das subvencións; fixación dun prezo mínimo que cubra os custes e remunere os salarios das explotacións; creación dunha mesa de prezos que garanta a estabilidade do valor da carne ao longo de todo o ano; demandar da Xunta de Galiza medidas destinadas a aumentar a base territorial das explotacións; oposición ás importacións a baixo prezo; dotar a todas as vacas aleitantes galegas dos dereitos por vaca nutriz que lles corresponden; control e transparencia nos matadoiros; prohibición do uso de fariñas cárnicas, alimentos transxénicos e antibióticos na fabricación de pensos; supresión do certificado ante-mortem, por ter unha utilidade mínima e supor un importante gasto público; sistemas de tratamento dos materiais específicos de risco e de acrotalamento públicos e gratuítos; e unhas primas gandeiras suficientes para compensar as sucesivas caídas de prezos que se deron no pasado e que se poidan volver dar no futuro.

Directivos do congreso da carne

Aposta pola produción de calidade fronte aos cebadeiros industriais

Votación no congreso da carne En canto á posición na IXP Tenreira Galega, o Sindicato Labrego seguirá a presentarse única e exclusivamente no censo de produtores e produtoras, e seguirá a defender a calidade Suprema dentro da IXP, en clara aposta polas explotacións tradicionais que optaron por un modelo de alimentación natural e extensivo; fronte aos cebadeiros industriais.

Con estas premisas como referencia, o SLG demandará que o 75% dos fondos que xestiona o Consello Regulador da IXP se destinen a promover a calidade Suprema, con campañas específicas nas que fique ben diferenciada esta categoría.

Tamén, para que non se volva repetir unha crise como a das vacas tolas, o Sindicato Labrego vai pedir que en Tenreira Galega os pensos para o gando teñan como base os cereais, e que se prohiba o emprego de trans-xénicos, antibióticos e de calquera tipo de potenciador do crecemento.

En aras de garantir a calidade da nosa carne, o SLG tamén avogara por que se establezan dous tipos de controis, un para animais e outro para os alimentos do gando, que se identifique debidamente a procedencia da carne, que se fagan máis rigorosas as inspeccións sobre os puntos de venda, e que a empresa que se encarga do control externo informe periodicamente ao Consello Regulador.

Tamén se deberían impulsar medidas que melloren a comercialización dos xatos amparados por Tenreira Galega. No ano 2006, uns 30.000 becerros da IXP foron comercializados fóra dela por acadar mellores prezos. Por iso, debería ter un funcionamento regular a mesa de prezos da IXP con acordos de obrigado cumprimento para todas as partes, e crearse contratos homologados con prezos mínimos diferenciados para a normal e a Suprema.

As alternativas da OMC: "vender a prezos de miseria ou desaparecer"

Lidia no congreso da carneNa clausura, a secretaria xeral do SLG, Lidia Senra, adiantou cales ían ser os principais temas de traballo da nova Dirección da Carne. Fíxoo despois de ter unha especial lembranza cara a Sarria que, xunto a outras bisbarras lucenses, tivo unha grande importancia na loita contra a cota empresarial que comezara no ano 1976. Senra recordou que, aínda que estas mobilizacións se fixeron en toda Galiza, sería en comarcas como a sarriana onde cumpriu manterse con firmeza ao ter que facer fronte moitas explotacións a embargos de terras.

Á hora de tratar as cuestións directamente relacionadas co congreso, Lidia Senra gabou a intensidade do debate suscitado que, ao seu xuízo, foi "rico e vivo, e puxo de manifesto que nos atopamos diante dun sector dinámico, con perspectivas de futuro e con ganas de traballar".

E falando de futuro, a secretaria xeral do SLG dixo "a cuestión dos prezos é un elemento fundamental para poder vivir e para poder seguir traballando na nosa profesión". Por iso, "no Sindicato Labrego xa asumimos que cómpre poñer toda a carne no asador, tanto nas negociacións e propostas á Administración como na loita sindical, para volver colocar a cuestión dos prezos no centro das políticas agrarias".

Nembargante, esta loita non ha ser doada. De feito, está prohibido chegar a acordos sobre prezos mínimos, polo que será "un reto para o Sindicato Labrego dar a batalla para que muden estas políticas". Diante disto, Lidia Senra animou ás persoas que asistiron ao Congreso "a participar activamente en todas as mobilizacións que se van poñer en marcha para conseguir estes cambios na política europea e no plano internacional no que se refire ás negociacións na Organización Mundial do Comercio (OMC)".

Enlazando co anterior, Senra lembrou a detención do responsábel de relacións internacionais do SLG en Hong Kong no ano 2005, cando estaba a participar nas manifestacións contra a OMC. "De seguro que moitos e moitas de vós", dixo Senra, "preguntaríadesvos que facía o noso compañeiro tan lonxe. Pois fora alí porque se estaban a cocer decisións que despois nos poderían ter afectado de maneira determinante en dúas cuestións fundamentais: a dos prezos e a do control das importacións". Sobre este particular, Lidia Senra explicou que "o que se pretende negociar na OMC é a eliminación de calquera tipo de protección nas fronteiras para que as grandes empresas que se dedican á compravenda produtos agrarios como a carne de vacún non teñan ningún impedimento para mercar onde lles interesa e vender onde queiran. E aí temos o exemplo da raza Rubia Galega criada no Brasil; os labregos e labregas do Brasil non van saír beneficiados vendendo aquí esa carne a prezos moito máis baixos do que a nós nos costa producila. Son grandes explotacións e grandes empresas que se dedican a producir no Brasil con man de obra moito máis barata e utilizando produtos que aquí están prohibidos porque son nocivos para a saúde. Así, teremos que producir a eses prezos de miseria ou desaparecer; e iso decídese na Organización Mundial do Comercio. E, precisamente, a Política Agraria Común estase modificando para favorecer estes acordos".

O outro tema tratado na clausura pola secretaria xeral do Sindicato Labrego foi o das eleccións ao consello regulador da IXP Tenreira Galega. "As eleccións están convocadas para o 1 de xullo", adiantou Senra, "e a nova dirección do sector vai ter que iniciar o traballo para preparar a candidatura para que o SLG siga tendo presenza no consello regulador da IXP. Neste marco, outra liña de traballo será a reforma do regulamento, pois os consellos reguladores que se elixan o 1 de xullo terán a tarefa inmediata de adaptar o regulamento actual á nova Lei de Calidade Agroalimentaria, en vigor dende a lexislatura pasada e que, nos primeiros anos do novo goberno, se foi desenvolvendo".