A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. A secretaria xeral do SLG denuncia en Bruxelas o fracaso das medidas do paquete lácteo

A secretaria xeral do SLG denuncia en Bruxelas o fracaso das medidas do paquete lácteo

28 de Xaneiro do 2015

Isabel Vilalba

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, foi invitada pola Comisión Europea como experta a comparecer na audición pública “O paquete lácteo e as perspectivas do sector leiteiro”, que se celebrou, o 27 de xaneiro, en Bruxelas. Esta audición estivo organizada pola Comisión de Agricultura e Pesca do Parlamento Europeo, e Isabel Vilalba foi invitada polo Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE-NGL), en cuxas filas está a eurodeputada galega, Lidia Senra. Neste senso, cómpre lembrar que Isabel Vilalba, ademais de rexentar xunto ao seu cónxuxe unha explotación leiteira en Lourenzá (Lugo) é a representante da Coordinadora Europea da Vía Campesina no Foro Civil Europeo do Leite (European Civil Dialogue Group on Milk) e no Observatorio Europeo do Mercado do Leite (European Milk Market Observatory).

O paquete lácteo sobre o que disertou Isabel Vilalba foi aprobado polo Parlamento Europeo hai case tres anos, en febreiro de 2012, para evitar crises no sector leiteiro comunitario como a acontecida no ano 2009. Os seus obxectivos foron reforzar a posición de produtores e produtoras na cadea comercial para mellorar as súas rendas; e rematar coa posición de dominio e abuso das grandes distribuídoras comerciais e das industrias, que impoñen prezos ruinosos ás explotacións.

Isabel Vilalba denunciou que, a día de hoxe, o paquete lácteo resultou totalmente ineficaz para cumprir eses obxectivos. Dende comezos de 2014, o prezo do leite non parou de baixar, caendo unha media do 16% no conxunto da Unión Europea. Na Galiza, o meirande das explotacións están a cobrar por baixo dos 30 céntimos o litro, o que fai que moitas, agora mesmo, non dean cuberto os custes de produción da actividade, situación que se agravará coa fin do sistema de cotas a partir de abril.

En canto a reforzar o papel negociador de produtores e produtoras, o paquete lácteo tampouco funcionou. Segundo un informe da propia Comisión Europea, só chegou a haber negociacións polo prezo do leite en 4 países, entre eles o Estado Español. No que se refire a este último caso, Isabel Vilalba explicou que non serviron para nada as 7 organizacións de produtores/as (OPL) que se crearon (6 de vacún e 1 de ovino) pois, tanto na Galiza como no conxunto do Estado, os prezos foron impostos unilateralmente pola industria.

A outra ferramenta proposta polo paquete lácteo para dar estabilidade aos prezos era a dos contratos. Neste particular, Isabel Vilalba denunciou a picaresca das industrias, que formalizan contratos por períodos ínfimos dun mes ou os asinan despois de que o leite sexa vendido e entregado, por poñer só dous exemplos; e o feito de que son esas mesmas industrais as que impoñen as condicións contractuais que queren. Así, “o contrato, sen uns prezos mínimos de referencia, estase a converter nunha ferramenta de extorsión máis en mans das industrias”.

Tampouco serviu o paquete lácteo para equilibrar a oferta e a demanda, como demostra o incremento da produción que se produciu en toda a UE ao longo de 2014 sen que houbese un aumento da demanda que o xustificase.

Con todos estes vimbios, Isabel Vilalba demostrou nesta audiencia pública o fracaso absoluto dun paquete lácteo que “supón a privatización da política leiteira da Unión Europea, ao ficar libre a industria para impoñer as regras comerciais que máis lle conveñan”. Diante disto, Isabel Vilalba, como representante do Sindicato Labrego Galego e da Coordinadora Europea da Vía Campesina, defendeu “unha política leiteira pública que xestione e regule a oferta de leite e garanta uns prezos que nunca baixen do limiar dos custes de produción e xeren rendas dignas para os e as profesionais do sector leiteiro; ademais de garantir a permanencia da produción en todo o territorio europeo, evitando a súa concentración nuns poucos países e explotacións industriais, como xeito de manter postos de traballo e poboación nun medio rural vivo”.

Preme AQUÍ para acceder ao vídeo da intervención de Isabel Vilalba.

Isabel Vilalba