A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. A mala xestión da Xunta e o recorte de axudas poñen contra as cordas a produción de carne de vacún na Galiza

A mala xestión da Xunta e o recorte de axudas poñen contra as cordas a produción de carne de vacún na Galiza

4 de Febreiro do 2015

Dirección da Carne

A Dirección de Vacún de Carne do Sindicato Labrego Galego reuniuse en Vilalba, o 3 de febreiro, para tratar algún dos principais problemas que están afectando a este sector no noso país. Sen dúbida, unha das cuestións que máis preocupa a estas granxas é a incerteza con respecto aos cartos que ingresarán das axudas agroambientais, que é unha liña de subvencións que se vén de crear para dar continuidade ao antigo Contrato de Explotación Sustentable (CES).

O primeiro factor que xera incerteza no sector é que estas axudas agroambientais se financian cos cartos do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020 de Galiza; o mesmo PDR que, recentemente, rexeitou a Comisión Europea polas graves deficiencias que presentaba. Así as cousas, aínda que as axudas se van convocar en breve, farase sen que exista unha partida orzamentaria que as financie. Neste senso, a Dirección de Vacún de Carne do SLG foi moi crítica coa mala xestión dos fondos europeos para desenvolvemento rural que está a levar a cabo a Consellaría de Medio Rural que, hai uns días, confirmou a perda de 5,9 millóns de euros do Fondo Europeo Agrícola para Desenvolvemento Rural (Feader) por non usalos nos dous anos posteriores á súa convocatoria e a pesares das reiteradas advertencias da Comisión Europea.

Por se non abondase, tamén haberá fortes recortes na contía dos cartos que poderá recibir cada explotación con respecto ao antigo CES. Aínda que as esixencias medioambientais e burocráticas van ser as mesmas, temos constancia de granxas que recibirán até 9.000 euros menos con respecto ao que cobraban no pasado a través do CES. Isto débese a que, co CES, podías acollerte a varias liñas de axuda de xeito simultáneo; e agora, coas agroambientais, só podes pedir unha liña por sector á que só se poderán sumar as axudas que poden recibir as granxas que críen especies autóctonas en perigo de extinción. Para que nos fagamos unha idea, unha explotación de vacún de carne de tamaño pequeno, cunhas 15 hectáreas de base territorial e unha cabana gandeira de 20 reses, podía cobrar co CES uns 3.000 euros, que se incrementaban até 6.000 se optaba por razas autóctonas en perigo de extinción. Agora, esa mesma explotación terá que conformarse cuns 2.000 euros por cumprir coas mesmas obrigas. Respecto desa carga burocrática, nesta ocasión haberá que apandar de novo co aconsellamento, que consiste na obriga da explotación en contratar unha entidade privada que supervise o cumprimento dos requisitos esixidos polas axudas. No pasado, o CES incluía unha liña específica de axudas para financiar este particular, mais ignoramos se as agroambientais farán o mesmo. E é que, a día de hoxe, no sector seguimos completamente desinformados sobre estas axudas das que tanto depende a economía das nosas explotacións de vacún de carne.

En palabras do responsable da Dirección da Carne do SLG, o gandeiro Xosé Luís López Galán, “co nivel de prezos que temos hoxe en día no sector da carne de vacún, as granxas que seguimos activas sobrevivimos grazas ás subvencións, senón sería inviable, pois o valor ao que se pagan os becerros non cobre os custes de crialos. Moitos profesionais van aguantando até chegar á idade de xubilación pero, con este panorama, en canto cheguen aos 65 anos de idade pecharán e ninguén tomará o relevo da súa actividade. A pésima xestión da Xunta está abocando a este sector á desaparición”.

Dirección da Carne