A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O SLG pide a retirada dunha campaña que regala Leite Río por unha posible violación da Lei da Cadea Alimentaria

O SLG pide a retirada dunha campaña que regala Leite Río por unha posible violación da Lei da Cadea Alimentaria

25 de Febreiro do 2015

Leite Rio Gratis

O Sindicato Labrego Galego critica a campaña promocional coa que hoxe, 25 de febreiro, un coñecido xornal agasallará aos seus lectores e lectoras con 1 litro de leite Río Natura gratis. Unha vez máis, utilízase o leite coma produto reclamo, xusto nun momento do máis delicado para as explotacións do sector, que veñen acumulando máis dun ano de constantes baixadas no valor do produto e que, no meirande, están a cobrar prezos por baixo dos 30 céntimos que non chegan nin para cubrir os custes de produción da súa actividade profesional.

Regalar o leite, ou vendelo a prezos irrisorios para atraer clientela, sempre se fai a costa do elo máis feble da cadea comercial, neste caso o das granxas produtoras, que dun xeito ou outro acaban encaixando este tipo de prácticas promocionais asumindo prezos artificialmente baixos impostos polas industrias. Ademais, este tipo de prácticas banalizan o valor do produto diante de consumidores e consumidoras, que o acaban considerando un artigo barato que se debe adquirir só a estes prezos drasticamente rebaixados. No caso que nos ocupa, agasallar con leite gratis vai máis alá e despoxa a este alimento de calquera valor de mercado que puidera ter.

Dende o Sindicato Labrego Galego pedimos a retirada desta campaña polos motivos que acabamos de citar e porque, ademais, podería estar a violar a Lei da Cadea Alimentaria, que castiga a venda a perdas de alimentos coma o leite con prácticas promocionais como a devandita, delito que hoxe en día é perseguido pola Axencia de Información e Control Alimentario (AICA).

Leite Rio gratis