A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. A ECVC alerta que novos incrementos na produción de leite provocarán máis excedentes e prezos ruinosos no sector

A ECVC alerta que novos incrementos na produción de leite provocarán máis excedentes e prezos ruinosos no sector

26 de Febreiro do 2015

Isabel Vilalba

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, e Charo Arredondo, da Executiva de COAG, participaron, o  24 de febreiro, na xuntanza do Observatorio Europeo do Mercado do Leite (European Milk Market Obserbatory-MMO) en calidade de representantes da Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC). Neste foro que xunta aos principais axentes do sector lácteo na Unión Europea, saíron á luz datos moi preocupantes sobre a situación do mercado que constatan a caída xeneralizada dos prezos provocada, en grande medida, a un constante incremento da produción que comeza a estar fóra de control.

Respecto da baixada dos prezos do leite, estase a dar a nivel xeral, especialmente nos Países Bálticos, aínda que tamén noutros produtores importantes como Holanda, Alemaña ou Bélxica, con caídas superiores ao 20% en 2014. Esta caída de prezos que, no Estado Español, lideran Galiza seguida por Cantabria e Asturias, contrasta coa leve recuperación de prezos que experimentaron os produtos vendidos pola industria. Con estes datos na man, Isabel Vilalba e Charo Arredondo avogaron no MMO por trasladar esa recuperación do valor dos produtos lácteos ao prezo do leite en orixe que, no meirande dos casos, cotiza a valores que non cobren nin os custes de produción.

Outro dos problemas denunciados polas representantes da ECVC foi o dos excedentes de leite. Só na Unión Europea, na campaña 2014-2015, levábamos acumulado un incremento de produción en novembro do 4'7%. Nos outros grandes produtores mundiais de lácteos acontece algo semellante: nos Estados Unidos, un incremento do 2'4% en 2014; en Australia e Nova Zelandia a produción aumentou o 2'6% e o 4'1%, respectivamente, no segundo semestre de 2014. Esta suba global da produción de lácteos unida á baixada do consumo provocada por factores como a contracción da demanda na China -que mantén un acordo comercial preferente con Nova Zelandia á hora de mercar leite- ou o veto ruso, é unha das principais causas de que o prezo do leite estea a descender a nivel global.

Esta tendencia seguirá en 2015, cando se prevé un incremento global combinado na produción de lácteos a nivel internacional do 3,7% (na UE sería do 2'5%, nos EEUU do 2'8%, en Nova Zelandia do 2'7%, e en Australia do 2,6%); fronte a isto, agárdase que a demanda de lácteos só aumente un 2%. Con estes datos, só podemos agardar que o desequilibrio entre a oferta e a demanda de produtos lácteos se agudice aínda máis.

Hai que ter en conta que o medo á supertaxa fixo que na Unión Europea se contraese a produción a finais de 2014, o cal significa que, de non haber cotas, o incremento da produción tería sido moito máis acusado. Este feito debería animar ás autoridades comunitarias a establecer novos mecanismos de control da produción que substitúan ao actual sistema de cotas, que desaparecerá en abril deste ano. Mais, lonxe de que os poderes públicos adopten medidas de control de mercado para equilibrar a oferta á demanda, o sector fai fronte a esta situación con saídas á desesperada como o sacrificio de vacas que, ademais reducir a capacidade de producir leite xera uns ingresos extras nunhas granxas que viron os seus ingresos drasticamente reducidos debido aos baixos prezos. Sen ir máis lonxe, no Estado Español incrementáronse os sacrificios de vacas nun 10%; en Polonia, eses sacrificios disparáronse un 47%. Para Isabel Vilalba “é unha auténtica barbaridade que a xestión da produción leiteira se faga a través do peche de explotacións por bancarrota ao non poder resistir uns prezos tan baixos, ou a través do sacrificio masivo de vacas”. A parálise dos poderes públicos nesta cuestión exprésase en feitos como que xa hai industrias francesas que comezan a impor controis privados á produción, como penalizacións de 5 ou máis céntimos no prezo do leite a aquelas explotacións que superan as cantidades de leite que teñen asignadas. Segundo explicaron representantes destas industrias, prefiren adaptarse ao mercado real que teñen en troques de meterse en grandes investimentos para poder producir máis.

Finalmente, os representantes da Comisión Europea confirmaron que a supertaxa se vai cobrar integramente e que a data límite para que os Estados membros paguen a multa que lles corresponda, en caso de superar a súa cota láctea asignada, será o 30 de novembro. Respecto disto, estase a debater a proposta do Grupo de Comisarios e Comisarias de Agricultura a posibilidade de que os Estados poidan fraccionar o pago da supertaxa ás industrias e primeiros compradores, pero tendo sempre como referencia que o abono da multa por parte de cada estado o 30 de novembro é algo innegociable.