A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O SLG denuncia que a industria emprega o paquete lácteo e os contratos obrigatorios para extorsionar o sector produtor

O SLG denuncia que a industria emprega o paquete lácteo e os contratos obrigatorios para extorsionar o sector produtor

31 de Marzo do 2015

Mans arriba contrato

O Sindicato Labrego Galego denuncia que a imposición de contratos obrigatorios a un ano por parte do Ministerio, sen establecer mecanismos que garantan uns prezos que cubran os custos de produción e eviten a posición de dominio das industrias na fixación unilateral de condicións; estase a converter nunha nova arma contra as gandeiras e os gandeiros.

Co final do sistema de cotas, as industrias están aumentando a presión para obrigar ás explotacións a asinar contratos a prezos de miseria, que andan entre os 26 e os 28 céntimos por litro. Dende o Sindicato Labrego Galego temos constancia de industrias que ameazaron familias gandeiras con deixar de recollerlles o leite se non asinan contratos nesas condicións  antes do 1 de abril.

Denunciamos a pasividade da Consellaría do Medio Rural e do Ministerio de Agricultura diante dunha situación de tanta dificultade para o sector, que se enfronta a uns prezos ruinosos; e sen que a Administración poña en marcha ningunha medida de apoio ao sector produtor: normas efectivas para garantir un funcionamento axeitado da cadea alimentaria, prezos que garantan os custos de produción, incremento real da base territorial e outras medidas de apoio, medidas para fomentar a transformación de lácteos que xeren máis valor engadido e repercutan na parte produtora, ou mecanismos que impidan comportamentos abusivos por parte da distribución e da industria. Despois das famosas multas, non hai ningún mecanismo que impida estas prácticas no futuro ou que resarza á parte produtora, síntoma claro de que estas inxustizas seguen a manterse.

Chegamos ao final do sistema de cotas “a velas vir”, cun Ministerio e un Goberno Galego que non din nin fan nada ante a perspectiva de que, a nivel comunitario, se estea a contemplar a posibilidade dun incremento medio da produción dun 5%, que sería dun  10% nos países do norte, e un desaxuste entre a oferta e da demanda que podería supor máis caídas de prezo (algúns estudos falan de arredor dun 5%). Nada que dicir tampouco a que en Galiza se cobre menos ca en calquera outra parte do estado e menos ca na media Europea.

Tras case trinta anos de cotas lácteas dende a súa implantación en 1986 e malia provocar o peche do 91% das granxas que había daquela na Galiza (pasamos de 122.000 a menos de 10.000), chegamos a este final de etapa coas explotacións abandonadas á súa sorte, e outorgándolle ás industrias plenos poderes para extorsionar aos produtores e produtoras impoñéndolles unilateralmente os prezos.

Coa lexislación vixente, eliminar o sistema de cotas sen activar ningún outro mecanismo de control da produción e dos mercados supón e privatización da política leiteira e darlle á industria case dereito de pernada. A Administración ultimamente semella que traballa máis para protexer os intereses e a posición de dominio da industria que as produtoras e produtores, o futuro da maioría das zonas rurais ou o interese xeral.

En definitiva, a industria decidirá canto se produce, a que prezo, con que parámetros de calidade e as zonas de recollida, o cal ameaza un modelo de produción social e sostible de leite baseado en granxas familiares distribuídas por todo o medio rural galego; e orienta ao sector cara a un futuro cun número reducido de granxas industriais de grande tamaño, con pouco emprego, cunha produción cada día máis intensiva, coa utilización masiva de antibióticos e agrotóxicos, cun leite que cada día xerará máis problemas para a saúde, insostibles dende o punto de vista ecolóxico (contaminación por nitratos, erosión por herbicidas...) e concentradas en moi poucas zonas do país.

Como alternativa á desaparición de miles de granxas e á industrialización do sector lácteo, dende o Sindicato Labrego Galego cremos que as políticas públicas deben ter ferramentas para garantir prezos dignos, para regular o mercado e controlar a produción, mecanismos que deben perseguir a defensa dun modelo que permita a produción sostible -económica, social e ecoloxicamente- de leite en todo o territorio galego.

De maneira inmediata, dende o SLG imos esixir do Ministerio de Agricultura que non se lle deixe de recoller o leite a ningunha granxa, que non se impoñan prezos por debaixo de custos ás explotacións, e que a través do plano de control da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), se aumenten as inspeccións de oficio para evitar abusos tanto por parte da industria como da distribución, así como que o leite que chega á cidadanía siga sendo producido por miles de familias labregas e siga a ser un alimento bo para a nosa saúde, nutritivo e sen os perigos de ser producido industrialmente.

Primeiro prezos despois contrato