A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. O Sindicato Labrego Galego pon en marcha a campaña “Mans arriba: este contrato lácteo é un atraco”

O Sindicato Labrego Galego pon en marcha a campaña “Mans arriba: este contrato lácteo é un atraco”

10 de Abril do 2015

Concentración sector lácteo

A Executiva do Sindicato Labrego Galego decidiu, o 9 de abril, iniciar unha campaña de denuncia da indefensión que están a sufrir as granxas de leite diante das prácticas extorsivas da industria. Hai días, o SLG xa denunciou que as empresas do sector pretenden obrigar ás explotacións que lles fornecen de leite a asinar contratos por un ano a prezos miserables -sempre por debaixo dos 29 céntimos, chegando algúns a 24 céntimos por litro- baixo a ameaza de deixar de recollerlles a produción.

Diante da falla de resposta da Administración, nomeadamente da Consellaría de Medio Rural, a Executiva do SLG decidiu poñer en marcha unha campaña cuxas primeiras accións consistirán en denunciar esta problemática diante de institucións como Presidencia da Xunta, grupos parlamentarios ou o Valedor do Pobo; e diante de organismos con competencias para actuar legalmente contra este modus operandi mafioso, tal como a Axencia de Información e Control Alimentario (AICA). Tamén volveremos esixir, por enésima vez, que a Consellaría de Medio Rural convoque aos axentes do sector na Mesa do Leite para tentar solucionar esta crise a través do diálogo.

En caso de que a Xunta de Galicia continúe instalada na parálise permanente da que está a facer gala e siga sen convocar ao sector, industrias e comercializadoras, daquela o Sindicato Labrego Galego comezará a organizar mobilizacións para tentar obrigar a que o leite teña un prezo que cubra os custes de produción e se manteña como un dos principais sectores produtivos do noso país.

Concentración prezos