A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. As tres OPAs galegas denuncian a industria láctea e piden a nulidade do 100% dos contratos asinados no sector

As tres OPAs galegas denuncian a industria láctea e piden a nulidade do 100% dos contratos asinados no sector

16 de Abril do 2015

Isabel Vilalba

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, participou, o 15 de abril, na rolda de prensa conxunta que a nosa organización, xunto a UUAA e XXAA, ofreceu para denunciar a situación que está a padecer un sector lácteo no que “a industria ten case dereito de pernada”.

O principal motivo da rolda de prensa foi anunciar, por parte das tres organizacións agrarias, a presentación dunha denuncia conxunta, diante do Ministerio de Agricultura e da Consellaría de Medio Rural, solicitado a nulidade de tódolos contratos asinados no sector lácteo en Galiza por incumprir a legalidade. As ilegalidades da industria á hora de asinar contratos son tres:

  1. Os contratos son produto da imposición e non da negociación de dúas partes en pé de igualdade. Os contratos estanse a asinar, moitas veces, baixo a ameaza da industria de deixar de recoller o leite. No 100% dos casos non houbo negociación previa entre as partes, o cal fai que estes contratos sexan nulos de dereito.
  2. Os criterios de indexación para formar o prezo, ou non aparecen nos contratos ou non son obxectivos ao ser modificables pola propia empresa. Son as propias industrias as que marcan os criterios de construción de prezos, utilizando decotío as calidades para argumentar baixadas de prezo inxustificables.
  3. Hai unha cantidade importante de industrias que están obrigando a asinar renuncias voluntarias ás explotacións para que os contratos duren menos de un ano, o cal constitúe fraude de lei.

En palabras de Isabel Vilalba: “Pedimos que se considere a ilegalidade dos contratos que foron asinados até agora. No sector lácteo hai unha guerra na que os gandeiros e as gandeiras somos reféns: o Ministerio de Agricultura impuxo un marco de contratos obrigatorios a un ano que non foi aceptado pola industria, a cal nos está a impor unilateralmente aos produtores e produtoras as peores condicións posibles e prezos á baixa, ou fixando calidades sen respectar os estándares do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal) para baixar aínda máis eses prezos. En definitiva, os contratos son unha arma que se está a utilizar contra nós, gandeiros e gandeiras, ao impoñernos condicións ruinosas. Por iso, dende as tres organizacións agrarias fixemos un chamamento á Consellaría de Medio Rural e ao Goberno Galego para que arbitren esta crise e recúen da inaceptable postura da conselleira que afirmou non poder actuar nesta cuestión”.

Respecto a posibles mobilizacións, en primeiro lugar comezarase, a partir da semana que vén, a realizar xuntanzas coas corporacións municipais das principais comarcas leiteiras para que dean o seu apoio expreso aos gandeiros e gandeiras do sector lácteo e para que nos apoien na nosa demanda de forzar a arbitraxe da administración na crise. Tamén se fará outro tanto coas cooperativas e outros colectivos e institucións ligados ao sector lácteo. “Se tras esta vía de diálogo as industrias seguen sen escoitarnos”, sinalou a secretaria xeral do SLG, “o sector está disposto a emprender accións máis contundentes. Con prezos de vinte e poucos céntimos, non hai explotación que aguante a medio prazo, polo que utilizaremos tódalas ferramentas que teñamos na nosa man para impedir isto”. Cando preguntaron os xornalistas respecto da posibilidade de materializar as mobilizacións nunha posible folga de entregas, Isabel Vilalba dixo que se trata “dunha opción moi dura para os gandeiros e gandeiras: se xa é difícil non chegar a fin de mes polos baixos prezos, ter que tirar o teu produto e deixar de ingresar o pouco que gañas é a aínda máis traumático. Pero, antes de pechar a explotación por ruína, estamos dispostos e dispostas a considerar esta opción. En calquera caso, será algo que terán que decidir os gandeiros e gandeiras, e precisará dun apoio maioritario do sector produtor”.