A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. A ministra de Agricultura avala a extorsión das industrias lácteas ao culpar ás granxas da crise do sector

A ministra de Agricultura avala a extorsión das industrias lácteas ao culpar ás granxas da crise do sector

23 de Abril do 2015

Este contrato é un atraco

No transcurso da súa visita a Galiza, o 21 de abril, a ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, realizou declaracións a varios medios de comunicación nos que, directamente, botaba a culpa aos produtores e produtoras de leite da crise de prezos que están a padecer por non saber negociar. Dende o Sindicato Labrego Galego recordámoslle á ministra que a crise a está a padecer todo o sector, incluso as granxas daquelas comunidades que, segundo ela, si saben negociar coa industria.

É manifesto que, a pesares do paquete lácteo aprobado polo Ministerio de Agricultura, a industria segue a exercer unha posición de abuso e dominio nas relacións comerciais cos produtores e produtoras de leite. A secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, explica que “neste momento, as organizacións de produtores e produtoras (OPLs) non teñen ningunha posibilidade de negociar os prezos, pois non hai ningún mecanismo que obrigue á industria a aceptar ningún prezo que non sexa o que fixe ela mesma. E isto é así grazas a leis aprobadas polo actual Goberno do Estado e, en particular, impulsadas polo Ministerio de Agricultura, como a Lei da Cadea Alimentaria, cuxa aplicación non está a evitar que as granxas leiteiras estean obrigadas a aceptar prezos por baixo dos custes de produción e sigan sometidas á extorsión das industrias, que ameazan con deixar de recoller o leite se non se asinan contratos ao prezo que elas impoñan”.

Por todo o devandito, para o Sindicato Labrego Galego é a propia ministra de Agricultura a responsable última da crise do sector lácteo porque as súas políticas demostraron ser totalmente ineficaces para as granxas e unha ferramenta máis ao servizo da extorsión das industrias. Por iso, parécenos unha auténtica frivolidade que a máxima representante dos sectores agrogandeiros no Estado Español se permita visitar Galiza, no contexto dunha das peores crises de prezos dos últimos anos, non para solucionar o problema ou para interesarse pola situación de moitas explotacións que padecen impagos e están ao borde da creba, senón para ser protagonista de varios actos propagandísticos en vésperas das eleccións municipais e, por riba, declarar nos medios de comunicación que os produtores e produtoras non negocian ben o prezo do leite. Sinxelamente, vergonzoso.