A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. As corporacións municipais das comarcas leiteiras apoian aos produtores e produtoras nas súas demandas

As corporacións municipais das comarcas leiteiras apoian aos produtores e produtoras nas súas demandas

24 de Abril do 2015

Isabel Vilalba

As tres organizacións agrarias -Sindicato Labrego Galego, XXAA e UUAA- reunímonos, o 23 de abril, cos alcaldes e representantes das corporacións municipais de Lugo e concellos dos arredores para implicar ás entidades locais na denuncia das condicións leoninas que as industrias lácteas están a impoñer aos gandeiros e ás gandeiras coa complicidade da Consellaría de Medio Rural e do Ministerio de Agricultura.

Amais de explicarlles polo miúdo a crítica situación pola que atravesa o sector, con prezos medios por baixo dos 27 céntimos por litro, os sindicatos do agro lles presentamos un manifesto para asinar, co que todos e todas estiveron de acordo, e que pide:

  • Determinar a ilegalidade dos contratos asinados até o de agora, fixados baixo a presión da industria, que impón unilateralmente as condicións: prezos á baixa, volumes, calidades diferentes dos parámetros estandarizados. Pedimos a intervención urxente da Xunta, non podendo admitirse novas baixadas de prezos.
  • Débese reforzar o poder negociador das produtoras e dos produtores, establecendo un sistema de arbitraxe ou mediación específico para os contratos lácteos que contrapese o grande poder transnacional das empresas transformadoras e distribuidoras.
  • Finalizado o período de cotas, debe garantirse a recollida en todas as granxas de leite que están a desenvolver a súa actividade.
  • Na adxudicación de licenzas de compradores, cómpre artellar mecanismos para evitar estafas nas explotacións. Son moitos os casos nos que os intermediarios non teñen bens cos que responder da falta de pagos ás explotacións.
  • Medidas eficaces para permitir que as granxas podan reducir os seus custos de produción e mellorar a súa renda, entre elas protexer e ampliar a superficie agraria útil e permitir a dispoñibilidade real de maior superficie destinada á produción de alimentos para o gando.
  • O Goberno debe unificar criterios para perseguir a venda a perdas que practica a distribución utilizando o leite como produto reclamo.

Xuntanzas como esta vanse facer nas principais comarcas leiteiras da Galiza como Bergantiños, Deza, Terra Chá, Chantada, Compostela, etc.

Xuntanza alcaldes Lugo